Manual de Boas Prácticas para os espazos rurais

Presentación en Lugo do proxecto transfronteirizo ‘Paisactivo–Paisaxes cortalumes’, con exemplos de xestión en Galicia, Portugal e outros países europeos

O profesor Miranda durante a súa intervención.

O Campus de Lugo da USC acolleu este mércores a presentación do Manual de boas prácticas e casos de éxito na xestión activa do espazo rural, un compendio de estratexias innovadoras para a revitalización das aldeas e a súa contorna. Esta publicación é o resultado do primeiro ano de traballo do proxecto transfronteirizo ‘Paisactivo–Paisaxes cortalumes’.

O manual recompila unha vintena de boas prácticas de xestión rural, desde a clarificación de propiedade e a xestión de terras descoñecidas, ata a educación cidadá para a protección do lume e a importancia dos servizos de asesoramento. Entre os casos de éxito incluídos no Manual figuran sete aldeas galegas: Bustelo de Fisteus, Francos de Proendos, Moreda (Lugo), Carzoá, Meixide, Osmo, Pedrosa e o polígono agroforestal de Oímbra (Ourense).

Tamén se destacan exemplos en Portugal, como os proxectos de Freixel, Marcelín, Mosteirão, Parada de Monteiros, São Simão de Gouveia, Senradelas, Talhada, Vilarinho das Quartas, Quintandona, e outros como o de Kuartango en Araba (Euskadi) e Ostana (rexión do Piamonte, Italia).

Durante a presentación, especialistas de Galicia e Portugal destacaron a importancia da ordenación rural para facer os territorios máis resistentes ao lume. David Miranda, do departamento de Enxeñería Agroforestal da USC, e José Alberto Rio, da Universidade do Porto, participaron na mesa redonda.

Jorge Blanco, subdirector de Promoción Internacional da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, destacou que o obxectivo principal de Paisactivo é “aumentar a resiliencia do territorio fronte ao risco de incendios, valorizando e mellorando a xestión sostible das terras agroforestais, mentres se protexen e dinamizan os asentamentos rurais e se promove a súa sostibilidade”.

Dentro do proxecto, desenvolveranse dúas iniciativas piloto: unha na aldea ourensá de Infesta (Monterrei) e outra en Almofrela (Baião, Portugal). Estas accións apostan pola xestión agroforestal sostible e contan co apoio da Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia e do Plan de Transformação da Paisagem portugués.

O consorcio de Paisactivo está formado por oito socios coordinados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e integrado por entidades galegas como a USC, a Fundación Juana de Vega e o Concello de Monterrei.

Por parte de Portugal, participan a Comunidade Intermunicipal do Tâmega e Sousa, o Municipio de Baião, o Centro de Estudos de Geografía e Ordenamento do Território (CEGOT) da Universidade do Porto e a Direção-Geral do Território.

O proxecto está financiado nun 75% polo Programa de Cooperación Interreg VI A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, cun orzamento total de 1.581.486,26 euros.

Comments are closed.