Novas ferramentas tecnolóxicas para reducir o risco de lume de copas
Unha investigación desenvolta na Escola Politécnica Superior de Lugo valida métodos de estimación de biomasa e caracterización de combustible forestal en matogueiras e piñeirais
Cecilia Alonso Rego, enxeñeira de Montes na Escola Politécnica do Campus Terra da USC, desenvolveu a investigación de doutoramento “Estimación de biomasa e características estruturais do combustible en comunidades de matogueira desarborada e piñeirais en Galicia a partir de escáner láser terrestre, láser aéreo e inventario de campo”. Este proxecto, baixo a dirección de Ana Daría Ruiz e Ramón Alberto Díaz Varela, valida novas metodoloxías de cálculo e achega aos xestores ferramentas para cuantificar con precisión o combustible forestal existente nestas áreas, coa finalidade de reducir o risco de lumes de copas.
A carga de biomasa das formacións vexetais, é dicir, o peso seco de biomasa por unidade de superficie e a súa distribución por fraccións de tamaño e estado biolóxico (vivo/morto), xunto con outras características estruturais como a súa altura media, ou a densidade aparente (biomasa por unidade de volume), afectan en gran medida á cantidade de combustible consumida durante o incendio, á velocidade de propagación ou a intensidade, así como aos potenciais efectos do lume.
Os resultados da investigación constitúen así unha nova ferramenta de gran utilidade para os xestores forestais, que se centra na prevención de focos incendiarios e en evitar a propagación dos lumes, especialmente naquelas áreas propensas a lumes de copas, que son os incendios que requiren un maior esforzo para a súa extinción e que ameazan á seguridade dos operarios, en particular, e da poboación xeral.
As pescudas realizadas no marco desta tese de doutoramento enmárcanse fundamentalmente en Galicia, unha rexión na que a xestión da carga de combustible é especialmente necesaria, dado o rápido crecemento da vexetación e a grande acumulación de biomasa tanto en matogueiras desarboradas como en áreas de sotobosque baixo arborado.
Para a realización destes estudos, Alonso Rego completou inventarios non destrutivos nun total de 55 parcelas en matogueiras desarboradas distribuídas por toda Galicia, ao tempo que empregou datos procedentes de inventarios de arborado sotobosque dunha rede de parcelas de ensaio de claras establecidas en plantacións puras e coetáneas de Pinus radiata e Pinus pinaster localizadas en 34 lugares distintos, na súa maioría en Galicia.