Novos proxectos da mocidade universitaria para reinventar o medio rural
O proxecto 'Terra Creative Jam’ distingue propostas que apostan pola dixitalización e a Intelixencia Artificial para mellorar o medio rural
Preto de 50 mozos e mozas procedentes da maioría dos campus universitarios galegos tomaron parte nos obradoiros e actividades deseñadas polos promotores do III Terra Creative Jam. A iniciativa tiña por finalidade resolver desafíos sociais, ambientais e tecnolóxicos, e achegar así novas solucións para “reinventar o rural”. Foron un total de oito propostas relacionadas coas áreas de traballo como a economía verde, produción eficiente e sostible, educación inclusiva e de igualdade, emprendemento dixital e uso de TIC’s no rural, industrias creativas, benestar animal, alimentación e vida saudable ou mellora dos ecosistemas.
Terra Creative Jam trátase dun evento creativo e de xeración de ideas para reinventar o medio rural e está promovido polo Campus Terra e a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) xunto coa incubadora Lug Open Factory. As xornadas, celebradas a pasada fin de semana, tiveron lugar na residencia universitaria Jesús Bal y Gay de Lugo. No encontro, ademais de abordar as propostas, contaron coa actuación de humor do monologuista Pepe Suevos.
O xurado encargado de avaliar os prototipos de proxectos e ideas innovadoras achegadas pola mocidade, acordou distinguir tres propostas centradas na instalación de sensores diversos en granxas agrogandeiras, así como na posta en marcha de portais ou plataformas dixitais que recolleran e informaran da ampla oferta de eventos relacionados coa cultura tradicional e da riqueza patrimonial existente no medio rural. A outra proposta galardoada consiste nun proxecto centrado na conservación do medio natural a través da creación e posta en marcha dun sistema de xeolocalización que posibilite identificar a existencia de vertedoiros incontrolados de lixo ou refugallos e a súa conseguinte eliminación.
Optimuu, Ga-Ling e Elixo, os proxectos máis valorados
O proxecto ‘Optimuuu’ resultou o máis valorado e propón unha web centralizadora de sistemas gandeiros para mellorar ingresos, xerar eficiencia ecolóxica e domotizar as granxas. Pola súa banda, a proposta tamén galardoada ‘Ga-Link’ consiste nunha App para dixitalizar o rural destinada a fomentar o turismo, de tal forma que se poida planificar ou localizar as festas gastronómicas, catas de viños, noticias, eventos…que se atopen mais próximas á nosa posición en tempo real. O terceiro proxecto máis valorado foi ‘Elixo’, unha aplicación a través da que, os distintos concellos poderían competir por ter o municipio máis limpo.
As persoas promotoras dos tres mellores prototipos de proxecto recibiron como agasallos unha praza para todo equipo na Residencia formativa Lof Talent, así como un convite directo de participación na próxima edición do programa de emprendemento Explorer USC. Ademais, os integrantes tamén foron obsequiados con varios dispositivos tecnolóxicos, tales como cámaras tipo GoPro ou tablets, entre outros.