O Campus Terra abre o día 23 o prazo de matrícula para os Másteres de Enxeñaría Agronómica e Enxeñaría de Montes

Trátase dos dous únicos posgraos do Sistema Universitario Galego que habilitan para exercer as profesións de enxeñeiro agrónomo e enxeñeiro de montes tanto a nivel español como europeo

Robot autónomo traballando na Finca de Prácticas da Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus Terra en Lugo

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) ofrece no Campus Terra de Lugo os dous únicos másteres do Sistema Universitario Galego que habilitan para exercer as profesións de enxeñeiro/a agrícola e enxeñeiro/a forestal.

Con 25 prazas ofertadas para cada máster, o prazo de matrícula para os dous posgraos (Máster Universitario en Enxeñaría Agronómica e Máster Universitario en Enxeñaría de Montes) comeza o luns 23 de xuño e remata o 16 de xullo, aínda que pode prolongarse para as prazas vacantes. A publicación da adxudicación de prazas terá lugar o día 29 de xullo.

Para máis información, pódese contactar co Servizo de Xestión Académica da Universidade de Santiago nos teléfonos 881 814 530 e 881 814 531 e no email sxa@usc.gal ou consultar directamente na páxina web da USC.

Son másteres habilitantes que confiren competencias para o exercicio da profesión a nivel europeo

A maiores, para consultas particulares ou visitas á Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, os interesados poden poñerse en contacto cos coordinadores dos dous másters: Tomás Cuesta (tomas.cuesta@usc.es) no caso do Máster en Enxeñaría Agronómica e Ramón Díaz (ramon.diaz@usc.es) no caso do Máster en Enxeñaría de Montes.

O acceso tanto ao Máster Universitario en Enxeñaría Agronómica como ao Máster Universitario en Enxeñaría de Montes está reservado aos graduados en titulacións habilitantes para exercer a profesión de enxeñeiro/a agrícola e enxeñeiro/a forestal, respectivamente (Decreto 822/2021).

A Politécnica de Lugo recibe cada ano a alumnado de Latinoamérica que busca convalidar a súa formación a nivel da UE

Na USC, segundo o acordo de Consello de Goberno de 28/10/2022 poden acceder estudantes destes títulos tendo pendentes 9 ECTS e o TFG. Tamén se permite o acceso a titulacións alleas ao Espazo Europeo de Educación Superior que se podan comparar cos graos habilitantes da enxeñaría agrícola (por exemplo as licenciaturas en enxeñaría agronómica e enxeñaría forestal de 4 ou 5 cursos impartidas en Latinoamérica).

Distintas especialidades

Ambos másteres, cunha duración de dous cursos académicos (90 ECTS), achegan coñecementos teóricos e prácticos en varios ámbitos de especialización. “No noso caso, afonda nos coñecementos dun enxeñeiro/a agrícola nas distintas especialidades reguladas en España e en toda a UE (mecanización rural, industrias agroalimentarias, hortofruticultura e xardinería), abríndolle ao alumnado tamén a porta á investigación”, detalla Tomás Cuesta, coordinador do Máster en Enxeñaría Agronómica.

No primeiro curso o alumnado recibe unha formación de carácter máis xeral, común ás distintas especialidades, que dá continuidade aos estudos cursados no grao correspondente, para xa no segundo curso do máster realizar unha especialización, das tres ofertadas en cada máster, e que están deseñadas en función das demandas actuais do mercado.

O Máster de Agrónomos do Campus Terra posúe a única especialidade en produción de leite de toda a cornixa cantábrica

“No caso do Máster en Enxeñaría Agronómica, nestes momentos en Lugo contamos con tres especialidades: enxeñaría para a produción de leite, que é un sector cunha ampla demanda de técnicos; vitivinicultura, que é un sector en expansión, moi capitalizado e cun marxe de desenvolvemento moi grande; e unha terceira especialidade a demanda das empresas, que abrangue temáticas como abastecemento de núcleos rurais, dirección de proxectos, enerxías renovables, e que está pensada para cubrir os intereses de cada alumno ou alumna”, explica Tomás Cuesta.

No que respecta ao Máster en Enxeñaría de Montes, as tres especialidades ofertadas encádranse en “áreas especialmente relevantes no ámbito forestal no noroeste ibérico, como son os incendios forestais, a planificación de espazos naturais e os modelos para a xestión forestal”, destaca Ramón Díaz.

Formación adaptada ás demandas do mercado

Esta formación de carácter superior permite acceder a distintos ámbitos de empregabilidade, tanto na empresa privada como na Administración pública, e a un amplo abano de postos de traballo.

“Un alumno ou alumna da Enxeñaría Técnica de grao sae perfectamente formado/a e capacitado/a para acceder ao mercado laboral, pero se dá un paso máis cara ao Máster en Enxeñaría Agronómica ou cara ao Máster en Enxeñaría de Montes pode acceder a toda unha serie de postos de traballo de categoría superior para os que non hai nestes momentos persoal suficiente a nivel de todo o Estado español para cubrir a demanda existente”, aseguran os coordinadores dos posgraos ofertados pola Politécnica de Lugo.

Este ano quedaron desertas 20 prazas do corpo de enxeñeiros agrónomos do Ministerio

O alumnado de ambos másteres realiza prácticas obrigatorias en empresas do sector, que se encarga de seleccionar a propia Escola Politécnica. Esta inmersión laboral achega un contacto directo e de primeira man coa realidade actual do sector agrícola e forestal.

A empregabilidade nestes momentos é do 100%

Por iso, destaca Tomás Cuesta, “a empregabilidade nestes momentos é do 100%”. “Deixando á marxe o que é a Administración pública (docencia en colexios, centros de FP e universidades; así como oposicións para o Ministerio, a Xunta de Galicia e os concellos), existe unha alta demanda en explotacións agrícolas e forestais, industrias transformadoras e empresas de consultoría”, asegura.

Investigación e compromiso co territorio

Dous alumnos do Máster en Enxeñería de Montes facendo prácticas de medición de árbores

Cursar o posgrao tanto en Enxeñaría Agronómica como en Enxeñaría de Montes abre tamén a porta ao doutoramento, o grao académico máis alto en ámbito universitario, así como á investigación.

A sustentabilidade, tanto na produción de alimentos como na xestión forestal, é outra das guías principais da formación impartida no Campus Terra. No caso do Máster en Enxeñaría de Montes, o respecto medioambiental trasládase aos distintos campos: “a planificación forestal a distintas escalas, tanto de plan, como de programa e proxecto; a explotación forestal; a integración de novas tecnoloxías en ámbitos como a xestión do monte; e a planificación e conservación de espazos protexidos”, detalla Ramón.

O alumnado matriculado nestes estudos de posgrao demostra o seu compromiso coa produción de alimentos e produtos forestais sustentables, co coidado da paisaxe e coa ordenación do territorio

En definitiva, tal como destaca Tomás Cuesta, “o alumnado destes másteres demostra o seu compromiso coa sociedade, coa produción de alimentos da que dependemos todos e co coidado da paisaxe e a ordenación do territorio tanto no medio rural como no contorno periurbano”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *