O Campus Terra fomenta a inserción laboral de preto de 200 demandantes de emprego

A través do festival de emprego Emprega-T Fest preténdese conectar a persoas que buscan traballo ou que queren mellorar a súa situación profesional


O festival de emprego do Campus Terra, Emprega-T Fest, levouse a cabo o xoves na Praza Horta do Seminario de Lugo. Esta iniciativa buscou conectar aos preto de 200 demandantes de emprego inscritos co tecido empresarial galego. O festival reúne, tal e como subliña a delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, “un total de corenta espazos expositores”. Destacou que con independencia de que se posúa título universitario ou non, “aquí temos ofertas de todo tipo e para todos os perfís”.

“Temos que seguir esforzándonos para que as empresas se acheguen ao máximo ao campus universitario”, describía o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco Fraga. A necesidade de reter o talento da mocidade lucense e de impulsar a remuda profesional foron argumentos nos que coincidiron as autoridades participantes no acto que serviu de punto de partida para a feira.

O Emprega-T Fest “potencia as oportunidades laborais das persoas demandantes de emprego ou con ganas de mellorar a súa situación profesional”, explican dende o Campus Terra da USC. O evento contou con espazos expositivos onde as empresas presentaron a súa oferta de Recursos Humanos e explicaron como desenvolver a carreira profesional dentro delas; unha zona de entrevistas rápidas ou Speed Dating, na que se realizan entrevistas dunha duración de 15 minutos entre empresas e persoas candidatas; así como mesas redondas, charlas de empresas e talleres formativos vinculados ao mercado laboral. Tamén se contou cun espazo de ocio onde as persoas asistentes poden desfrutar de food trucks e música.

O festival rematou cunha serie de actividades de carácter máis lúdico como un obradoiro de danza tradicional con Adrián Méndez; unha foliada cos grupos Axeigo e Cantareiras de Cantigas e Frores; así como un concerto do grupo Capital Voskov que serviu de colofón á xornada.

No acto inaugural tamén participaron Paula Alvarellos Fondo, alcaldesa do Concello de Lugo; Francisco Dorado Vizcaíno, conselleiro delegado da Asociación de Empresarios do Ceao e As Gándaras; Pablo Fernández López, secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia; e Pablo Rivera Capón, deputado da Área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo.

O evento, organizado polo Campus Terra e a Área de Orientación Laboral da USC, en colaboración co Concello de Lugo e coa Asociación de Empresarios do polígono do Ceao – As Gándaras, contou con financiamento da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, así como pola Consellaría de Emprego, Comercio e Emigración.

Comments are closed.