O grao en Veterinaria do Campus Terra, premio excelencia á calidade universitaria
O recoñecemento súmase á acreditación europea da que xa goza o título, que se imparte no campus lucense da Universidade de Santiago de Compostela
O grao en Veterinaria vén de acadar o selo de excelencia á calidade académica outorgado pola Xunta de Galicia. Este galardón supón un recoñecemento, pero tamén un compromiso por seguir mellorando, segundo indica o decano do centro universitario do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, Gonzalo Fernández.
O decano tamén apunta que este grao está sempre adaptándose aos criterios esixidos en Europa, por iso tamén se acadou este galardón. Tamén lembrou os diferentes plans e iniciativas implantadas xa na Facultade de Veterinaria da USC en aras a mellorar a formación dos seus titulados. A progresiva dotación de equipos de simulación e a posta en marcha dunha aula de habilidades clínicas e doutra de simulación virtual constitúen avances que posibilitan ao alumnado realizar prácticas e adquirir certa pericia antes de traballar con animais vivos. Indicou que “o selo de excelencia académica expedido pola Xunta de Galicia é un recoñecemento máis a unha titulación que xa goza da acreditación europea expedida pola EAEVE”.
A taxa de gradación, ocupación e abandono, a contribución ao desenvolvemento rexional ou o grao de inserción laboral foron algunhas das cuestións valoradas
Esta titulación ofrece cada curso 110 prazas de novo ingres e recibe máis de 800 solicitudes, das que máis da metade son de estudantes de fóra de Galicia. A elevada demanda de alumando que rexistra, a ampla rede de convenios nacionais e internacionais que mantén o centro universitario con empresas e entidades e, en consecuencia, a progresiva internacionalización dunha facultade na que se forman profesionais que seguen a ter unha boa inserción laboral, constitúen, en opinión de Fernández Rodríguez, outros dos motivos desta nova acreditación. “Este recoñecemento é un selo ao que contribúe a existencia dun cadro docente de calidade e cun alto nivel de produción científica, tal e como o proba o feito de que un terzo dos 16 grupos de investigación do centro están catalogados como equipos de referencia competitiva”.
As fortalezas salientadas polo decano da Facultade de Veterinaria da USC concordan en gran medida cos criterios de avaliación aplicados pola Xunta de Galicia para a concesión do selo de calidade, unha distinción orientada a fomentar a excelencia e a innovación na sociedade do coñecemento. Daquela, a taxa de gradación, ocupación e abandono, a contribución do plan de estudos ao desenvolvemento rexional e a súa relación co tecido empresarial, a metodoloxía docente, a excelencia do profesorado, o grao de inserción laboral de profesionais titulados, a excelencia do PDI e a pegada internacional do centro foron algunhas das cuestións valoradas para a concesión deste selo de excelencia, unha distinción que estará vixente durante seis cursos académicos e que permite acceder a financiamento específico no marco do Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-2026.
Este recoñecemento foi publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) deste martes 9 de abril, no que tamén se fai pública a concesión dunha distinción que ata o momento operaba para os títulos de máster aos graos en Enxeñaría Informática e en Fisioterapia, ofertados pola UDC.