O IBADER pon en valor un medio de negociación entre as diferentes visións e intereses sociais sobre o territorio

O Campus Terra da USC pon o foco na capacitación para o deseño e desenvolvemento deste tipo de intervencións en planificación, así como na súa xestión e dinamización nos casos de adaptación ao cambio climático en sistemas agrarios

Imaxe de arquivo

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) da USC pretende poñer en valor a necesidade dun “medio de negociación entre as diferentes visións e intereses sociais sobre o territorio”. Así, defenden a planificación participativa como o enfoque necesario para abordar a negociación dende as perspectivas de todas aquelas persoas involucradas na xestión territorial, para quen “a adaptación ao cambio climático é un reto prioritario e transversal”, destacan.

A entidade acollerá do 2 ao 4 de abril, a acción formativa ‘Planeamento participativo para adaptación territorial ao cambio climático’. Esta xornada nace coa intención de obter a capacitación para o deseño e desenvolvemento de procesos participativos en planificación, así como na súa xestión e dinamización en casos de adaptación ao cambio climático en sistemas agrarios. André Vizinho, doutor en planificación participativa para a adaptación da agricultura e a silvicultura ás alteracións climáticas, será o encargado de profundar nesta ferramenta.

A actividade impulsada en colaboración co LaboraTe da USC estruturase en tres bloques temáticos. Por unha banda, tratarase o deseño e desenvolvemento de procesos de planificación territorial participativa; mentres que a segunda parte da acción centrarase na xestión e dinamización de procesos participativos. Finalmente, haberá oco para o planeamento participativo en adaptación ás alteracións climáticas.

André Vizinho ten experiencia en facilitación e desenvolvemento de métodos participativos para a planificación da adaptación ás alteracións climáticas, e actualmente traballa como consultor, facilitador e coordinador de proxectos de planificación e implementación de paisaxes rexenerativas.

Inscricións

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *