O Máster Universitario de Enxeñería de Montes rexistra as taxas de matrícula máis altas
Ofrece atractivas saídas profesionais ligadas ao medio natural e alternativas de formación especializada en espazos protexidos, xestión forestal e incendios
O Máster Universitario en Enxeñaría de Montes rexurde con ánimo renovado e novos folgos na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC, o centro no que botou a andar esta formación superior hai preto de 30 anos. No presente curso rexistra as taxas de matrícula máis altas, con 16 novos expedientes abertos.
As múltiples saídas profesionais ligadas ao medio natural que posibilita e as vías alternativas de acceder a formación especializada nos eidos da planificación e modelización da xestión forestal, no deseño de estratexias de prevención e loita contra incendios, e mesmo na definición de accións de conservación e xestión de espazos naturais protexidos constitúen algúns dos atractivos que impulsan este crecente interese pola Enxeñaría de Montes.
O obxectivo xeral do Máster é a formación de técnicos superiores capacitados para planificar, proxectar, organizar e dirixir os espazos forestais e os bens e servizos que proporcionan. Baixo estas premisas, agóchanse multitude de obxectivos máis concretos de especial relevancia no actual contexto de cambio climático, tales como o son protexer o chan, conservar e regular os recursos hídricos, asegurar a protección e conservación das especies de flora e fauna silvestres, mellorar o medio ambiente rural, estudar e organizar a repoboación e conservación dos montes ou aproveitar os recursos forestais, tanto para a súa transformación pola industria como para o goce directo.
A formación integral que achega o Máster Universitario en Enxeñaría de Montes resulta indispensable para atender os desafíos que ten actualmente a humanidades, xa que proporciona aos futuros profesionais habilidades e competencias para manexar os recursos forestais de xeito integral, racional e sostible, a fin de garantir así procesos ecolóxicos vitais para o ser humano, salienta a directora da EPSE, Rosa Romero.
Ciencia e técnica ao servizo da cidadanía
A Enxeñaría de Montes responde a unha profesión de prestación de servizos, dado que os seus profesionais traballan a prol de atopar solucións a grandes problemas para a humanidade, tal e como son a xestión dos recursos naturais, o abastecemento de materias primas, a conservación da biodiversidade, a calidade das augas e do aire etc.
Desde hai preto de tres décadas, a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo é o único centro que oferta esta formación de posgrao no noroeste peninsular, sendo un potencial destino de continuación de estudos para os alumnos da propia USC e das escolas que imparten o Grao en Exeñaría Forestal en Mieres, Ponferrada e, entre outros, Pontevedra.
Alén desta realidade, a actual conxuntura de políticas de loita contra o cambio climático, xunto coa necesidade de conservación dos ecosistemas terrestres e da súa biodiversidade constitúen factores que están a demandar profesionais altamente cualificados como os titulados en Enxeñaría de Montes, a fin de que se xestionen de forma axeitada as masas arboradas para garantir a obtención dos múltiples recursos que achega o monte sen poñer en perigo o futuro da Terra, conclúe Romero.