O proxecto CARES recolleu 30 toneladas de produtos forestais non madereiros en Galicia, Castela-León e Asturias

A iniciativa, na que participa a USC, realizou intervencións en máis de 130 hectáreas e xenerou 30.000 quilos de produtos forestais, especialmente castaña e resina de piñeiro. O proxecto quere contribuír ao fortalecemento da selvicultura activa e a xeración de novos recursos para propietarios forestais. E cunha xestión en silvicutlra que reduce a vulnerabilidade das masas arboradas aos incendios

Resinado en bolsa pechada.

Impulsar modelos innovadores de aproveitamento conxunto de resina, castaña e biomasa forestal. Foron os obxectivos do proxecto CARES, que conclúe o seu desenvolvemento “con resultados que avalan o potencial destes recursos naturais para xerar emprego rural, mellorar a xestión activa e sostible dos montes e reducir o risco de incendios forestais no noroeste peninsular”.

Durante dous anos, traballouse no terreo con modelos produtivos que combinan aproveitamentos forestais complementarios, especialmente en territorios rurais e despoboados. “En total, leváronse a cabo traballos de prevención de incendios en 38,6 hectáreas e xestionáronse 93,5 hectáreas para a extracción de resina e castaña.

O traballo de CARES nas tres comunidades autónomas levou a extraer máis de 20.000 quilos de resina e preto de 10.000 quilos de castaña. Segundo os responsables do proxecto, “demostrouse a viabilidade técnica e económica destes aproveitamentos cando forma parte dunha xestión forestal conxunta e planificada”.

Dentro da iniciativa quíxose poñer énfase na dimensión social e formativa, con máis de 20 accións de formación e sensibilización, seis delas dirixidas especificamente a mulleres, que achegaron o coñecemento en aproveitamento resineiro, castañicultura e biomasa a máis de 150 persoas.

Un dos aspectos máis innovadores do proxecto foi a mellora das metodoloxías de extracción mecanizada de resina, que lograron resultados de produción comparables e incluso superiores aos obtidos con métodos tradicionais.

“Durante o desenvolvemento do proxecto quíxose aplicar e transferir todo o coñecemento xerado nos últimos anos polos socios tecnolóxicos que participan no consorcio aos actuais modelos de xestión silvícola dos piñeirais atlánticos e en zonas especialmente despoboadas onde coexisten con outros aproveitamentos.”, sinalan dende CARES.

Compatibilizar os usos tradicionais do monte cos novos métodos propostos era outro dos obxectivos que se consideran plenamente logrados especialmente en Galicia e Asturias. “A verdadeira importancia estivo en que concellos, comunidades de montes e particulares visen unha oportunidade real de traballo e negocio no aproveitamento da resina e a castaña, e que xa se puxeron en marcha iniciativas empresariais vinculadas aos resultados do proxecto”, sinalou Manuel Marey profesor da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo.

Inclusión, conciliación e facilidade de acceso foron conceptos desenvolvidos no proxecto

O desenvolvemento rural inclusivo, onde a igualdade de xénero é unha ferramenta esencial para revitalizar os territorios, foi outra aposta clara de CARES. “Reducir a masculinización do sector foi prioridade do proxecto, facendo fincapé nas posibilidades das mulleres para iniciarse nestas actividades a través de formacións específicas.”

A redución do esforzo físico na extracción de resina que ofrecen os novos métodos mecanizados e a flexibilización das tarfas facilitan a entrada destas traballadoras. Ademais de permitir altos niveis de conciliación.
“A combinación da resina e a castaña como recursos forestais complementarios permite crear emprego estable, diversificar rendas e fixar poboación nas zonas rurais máis despobladas do noroeste peninsular”, salientan dende o equipo investigador.

O consorcio que levou a cabo esta iniciativa está formado polo grupo de investigación PROePLA da Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación CETEMAS (coordinadora do proxecto), a Fundación Cesefor, PEFC España e a asociación de propietarios ‘Juntas de Montes de Asturias’ (JUMA).

CARES foi posible grazas ao apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *