O proxecto RURALtXA! percorre a Serra dos Ancares para impulsar a bioeconomía rural

Propietarios e produtores de tres áreas piloto participan en experiencias de gandería, ecoturismo e apicultura

Montaña dos Ancares. / Imaxe de arquivo.

O proxecto RURALtXA! vén de realizar unha visita pola Serra dos Ancares, onde un grupo de arredor de 30 propietarios e produtores das serras da Groba, do Xistral e da Faladoira coñeceu iniciativas relacionadas coa gandería extensiva, o ecoturismo e a apicultura.

Estes asistentes forman parte da Rede de Traballo do proxecto, que busca impulsar as actividades tradicionais en harmonía coa conservación de hábitats de montaña como os queirogais e as turbeiras.

Durante a visita, os participantes coñeceron o traballo da Cooperativa A Carqueixa e da empresa Traloagro, que aplican modelos de negocio e manexo sostibles. Na contorna de Piornedo, a Asociación Teitos de Piornedo organizou unha experiencia ecoturística, incluíndo unha visita guiada e unha cea tradicional nunha palloza.

Tamén se celebrou unha sesión de intercambio de experiencias e transferencia de resultados onde se presentaron os avances do proxecto RETTURN, unha rede de experiencias turísticas baseadas na tradición rural.

A xornada seguinte incluíu un percorrido pola contorna de Piornedo, guiado por membros da Cooperativa A Carqueixa, e unha visita a El País del Abeyeiro, en Pena da Nogueira, onde os asistentes coñeceron o traballo de Alberto Uría e a súa actividade apícola e ecoturística.

RURALtXA! Busca revalorizar os usos tradicionais do monte e a gandaría extensiva de montaña, á vez que se conserva a biodiversidade. O proxecto é un consorcio das universidades de Santiago e A Coruña coa fundación HAZI e conta co apoio da Fundación Biodiversidad do MITECO no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *