Obradoiro sobre métodos de cultivo do sabugueiro en Galicia

As posibilidades do cultivo do sabugueiro en Galicia centra a temática dun curso promovido ao abeiro do plan de formación complementaria do Campus Terra da USC


Os métodos de cultivo e propagación do sabugueiro, así como os seus usos e propiedades centran a temática o próximo obradoiro do Campus Terra, para o que está aberta a inscrición. A formación terá lugar o 30 de setembro, a partir das 9.00 horas e en quenda de mañá e tarde, na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría.

O profesor Julián García Berrios é o encargado de coordinar este obradoiro, que ofrece 30 prazas e está dirixido a alumnado, docentes e axentes do sector produtivo. Intervirán como relatores neste programa varios docentes e investigadores, tales como Eva González Pérez, Nelson Alonso, Santiago Lamosa Quinteiro, Martín Barrasa Rioja, Julián García Berrios ou Paula Fajardo Bernárdez.

O obradoiro comezará cunha sesión introdutoria respecto das posibilidades do cultivo do sabugueiro así como sobre os métodos de propagación, para logo afondar nos criterios que se deben seguir para deseñar novas plantacións, así como respecto do manexo do seu cultivo. As propiedades do sabugueiro e as súas producións, así como os usos e elaboracións de produtos derivados e a viabilidade técnica, económica, social e ambiental deste tipo de plantacións completan os contidos do obradoiro.

Comments are closed.