Optimuu e ProA2, dous proxectos gandeiros premiados no ‘USC Lugo Space’
Explorer premia en Lugo produtos dixitais innovadores, unha nova fórmula para lactantes e ferramentas preditivas en explotacións, polo seu compoñente innovador, o potencial que poden chegar a adquirir no mercado e a súa viabilidade
Dous proxectos ligados coa gandería foron premiados nos USC Lugo Space, un galardón que distingue a proxectos de innovación deseñados por persoal do Campus Terra. Por unha banda, Nerea González, Rocío Barreiro, Laura SanJulián, Cristina Fente, Patricia Regal e Alexandre Lamas integran o proxecto PRO A2, que foi premiado con 200 euros e unha estadía internacional. A iniciativa constitúe unha nova fórmula infantil para bebé elaborada con ingredientes funcionais, de proximidade e baixo selos de benestar animal e con subprodutos de industria láctea, que promoven a saúde do lactante, elaborados con lácteos A2.
O segundo proxecto gandeiro é o de Optimuu, de Aina Mena, que obtivo o terceiro posto. Optimuu é unha interface personalizable para control e xestión de explotacións lácteas que inclúe un modelo preditivo. A través de Intelixencia Artificial e matching learning permite a visualización e interpretación de datos recompilados na automatización de procesos no sector gandeiro. Aina Mena tamén realizará unha estadía internacional grazas ao USC LUGO SPACE, alén de recibir 100 euros. Ademais, esta iniciativa foi seleccionada por un xurado global de Explorer 2024 como un dos 30 proxectos finais que recibirán formación en crowfunding.
O primeiro premio foi para proxecto Novatech, promovido por Eduardo Ulloa, quen obtivo o premio Revolut, dotado con 400 euros e unha estadía internacional. A iniciativa premiada desenvolve produtos dixitais en trinta días para empresas, startups, axencias e consultoras que queren abrir novas liñas de negocio, conseguir os primeiros clientes, ou impulsar rondas de financiación. Ademais crean os seus propios produtos SaaS (Software as a Service) e contan cunha metodoloxía propia para maximizar os resultados dos seus clientes.
Xurado dos galardóns
Durante a xornada de presentación puidéronse coñecer os sete proxectos, que foron avaliados por un xurado composto por Elvira López Mosquera, delegada do Reitor para o Campus Terra; Pablo Fernández López, secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia; José Luís Villaverde Acuña, director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC; Alejandro Álvarez Álvarez, director do Work Café Santander da USC no Campus de Lugo; Iría Quintás Pazo, presidenta da Lug Open Factory; e Ergin Kamerov Pose, CEO e co-fundador de Embermind Technologies S.L. A valoración do xurado fíxose en base á presentación de cada proxecto, o seu compoñente innovador e proposta de valor, o potencial que pode chegar a adquirir no mercado, ou a viabilidade, entre outros criterios.
A sesión de entrega de galardóns, que se desenvolveu no edificio Cactus do Campus de Lugo, contou coa participación de Jose Luis Villaverde Acuña, director da AVTE; Cesar Abilleira, CTO e co-fundador, quen abordou a experiencia de Alumni Explorer USC Lugo Space co proxecto ‘Embermind Technologies S.L’; e Patricia González, coordinadora do programa no USC LUGO SPACE.
Emprendemento
A USC sumouse, nos seus campus de Santiago e Lugo, a unha nova edición do programa Santander X Explorer, que leva xa catorce anos fomentando o emprendemento nas súas etapas máis temperás e apoiando a conversión de ideas en proxectos e solucións innovadoras. O programa diríxese a persoas emprendedoras de doce países (Alemaña, Arxentina, Brasil, Chile, México, EEUU, España, Perú, Portugal, Reino Unido e Uruguai) e conta, nesta edición, con Colombia como última incorporación.
En Santander X Explorer, cunha duración de doce semanas, as persoas participantes reciben formación en liña sobre sesións de resolución de dúbidas con especialistas, a interacción en diversas plataformas sociais ou as talkX nas que os e as participantes debaten sobre emprendemento e mostran as súas ideas ante fundadores de startups e figuras de relevancia internacional. A formación en liña e presencial con metodoloxía “learning by doing”, a validación das ideas de negocio e o desenvolvemento das habilidades necesarias para transformar proxectos en solucións viables e sostibles son as ferramentas que atopan as persoas participantes do programa.