“Defendemos a evolución da produción de leite de Galicia cara o A2 nun prazo de 15 – 20 anos”
O catedrático de Nutrición Alberto Cepeda explica a oportunidade que representa o leite A2 para Galicia nunha lección maxistral. O acto desenvolveuse no Campus Terra con motivo da festividade de Santo Tomás de Aquino
O leite A2, caracterizado por conter só betacaseínas (proteínas) do tipo A2, presenta unha serie de beneficios adicionais para a saúde que o fan máis apetecible para os consumidores. Ese factor, unido a un maior prezo nos puntos de venda, en comparación co leite convencional, aconsella unha evolución da cabana gandeira de Galicia cara vacas A2A2, que producen de xeito natural o leite A2.
Esa é a tese que vén de defender o catedrático de Nutrición e Bromatoloxía Alberte Cepeda, profesor na Facultade de Veterinaria do Campus Terra (USC), durante a lección maxistral que ofreceu na Universidade con motivo da festividade de Santo Tomás de Aquino.
Evolución do consumo de leite
Cepeda iniciou a súa análise na baixada de consumo de leite líquido en España, que presenta unha certa tendencia a súa substitución por leites vexetais, sobre todo entre os consumidores menores de 34 anos.
Nunha década, entre o 2012 e o 2021, o consumo de leite líquido baixou en España de 3,4 millóns de toneladas a 3,2 millóns, aproximadamente, malia que durante o mesmo periodo aumentou a poboación no país.
Pode ser o motivo da baixada de consumo o aumento de prezos do leite?. Falso, opina Cepeda, pois os maiores consumidores de leite atópanse no treito de poboación con menores rendas. Quizais o motivo estea no envellecemento poboacional?. Tampouco, valora o catedrático, pois é o segmento de poboación que máis leite consume.
A cuestión, interpreta Cepeda, é que unha parte dos consumidores está a deixar o consumo de leite por distintos factores. O catedrático é especialmente crítico co efecto que puideron ter as mensaxes que asociaron o gando co cambio climático, “cando se non existiran as vacas, teriámolas que inventar”, valora o profesor, que lembra que en realidade o seu balance de carbono debería considerarse neutro, como xa se vén advertindo desde o sector.
O caso é que, sobre todo entre unha parte dos consumidores máis novos, detéctase unha evolución cara o consumo de bebidas vexetais, en substitución do leite, “a pesar de que distan de ter as propiedades beneficiosas do leite”, sinala Cepeda. De feito, en leites de fórmula para nenos pequenos, a literatura científica mesmo demostra que as fórmulas vexetais en base a soia provocan problemas de desenvolvemento nos cativos, segundo incidiu o catedrático.
Autopercepción de intolerancia á lactosa
Outro dos factores importantes no abandono de consumo do leite é o elevado tanto por cento da poboación que se autopercibe como intolerante á lactosa, que é máis dun 30% da poboación española. Pero esa autopercepción é real? “Nun traballo do noso equipo de investigación concluímos que moitas persoas autodiagnostícanse como intolerantes á lactosa, cando en realidade non o son”, explica Cepeda.
En ocasións, as molestias que perciben os consumidores á hora de tomar leite non se deben á lactosa senón ó péptido betacasomorfina-7 (BCM-7), que se libera durante a dixestión do leite A1. Este péptido asóciase coas molestias dixestivas (inchazón, dores) e ademais ten capacidade para atravesar a barreira intestinal, o que pode ocasionar potenciais problemas nos sistemas endocrino, cardiovascular e neurolóxico, cuestións a estudo na actualidade.
“En persoas con intolerancia á lactosa, existe unha superposición entre os síntomas provocados pola lactosa e os provocados polo péptido BCM-7”
“Estos efectos lastran a relación entre o consumo de leite de vaca e os seus valores saudables, o que induciu a parte da poboación a buscar outras alternativas de consumo”, sinala Cepeda.
Cando menos, Alberto Cepeda expón que “existe unha superposición entre os síntomas provocados pola lactosa e polo péptido BCM-7”. O catedrático de Nutrición destaca que o péptido BCM-7 pode detectarse no sangue tralo consumo de leite convencional, con betacaseínas A1, pero “non se detectou tralo consumo do leite A2”, subliñou.
Beneficios adicionais na saúde
Máis alá do sistema dixestivo, se ben son precisas máis investigacións e máis concluíntes, existen xa estudos que indican beneficios para a saúde do leite A2. “Os posibles efectos beneficiosos do consumo do leite A2, con respecto ó leite A1, relaciónanse principalmente coa resposta alérxica, o estrés oxidativo, a diabete, a saúde cardiovascular, os trastornos neurolóxicos, o síndrome de morte súbita no lactante, así como a modulación da microbiota intestinal, evitando alteracións negativas na súa composición”, enumerou Cepeda.
En nenos en idade preescolar, o leite A2 demostrou unha mellora da función cognitiva
A capacidade do péptido BCM-7 para traspasar a barreira intestinal e afectar á saúde hai que tela en conta en especial en nenos pequenos, que están formando o seu intestino, e no caso de persoas afectadas por enfermedades dixestivas (‘helycobacter’, hernia de hiato, colitis ulcerosa, etc.).
O catedrático detallou investigacións concretas que traballaron coa hipótese dunha menor prevalencia de diabete tipo 1 ou de enfermidade isquémica coronaria entre consumidores de leite A2.
En nenos, o leite A2 demostrou que mellora a función cognitiva en idade preescolar, en comparación co leite A1.
“Son estudos que, nalgúns casos, son controvertidos e precisan investigacións adicionais e máis concluíntes, pero existe un consenso sobre efectos beneficiosos do leite A2”, valora Cepeda.
Outros beneficios adicionais do leite A2 a ter en conta son a presenza do antioxidante glutation ou o seu mellor perfil de graxas, pois o leite A2 presenta case o dobre de ácido alfa-linoleico (omega 3), en comparación co leite A1, e o triple de ácido araquidónico (omega 6).
Recuperar consumidores
En base ós beneficios do leite A2, o catedrático de Nutrición considera que é posible recuperar consumidores para o leite líquido e os produtos lácteos. “É preciso mellorar a difusión de información para que as persoas que abandonaron o consumo de leite por molestias coñezan a opción do leite A2”, apunta.
Cepeda considera tamén moi interesante a entrada do leite A2 nas formulas infantís de continuación. “No noso equipo estamos deseñando unha fórmula infantil con proteína A2, pois é un leite que presenta vantaxes, como a de evitar o estreñimento en bebés de 0 a 6 meses”, apunta.
Evolución da gandería de Galicia cara o leite A2
Tendo en conta os beneficios adicionais para a saúde do leite A2 e o seu prezo superior nos puntos de venda, Cepeda considera que é aconsellable un cambio estratéxico da produción de leite en Galicia cara o leite A2. “Defendemos unha evolución progresiva, cun cambio a 15-20 anos que non esixiría un investimento excesivo”, valora. “En Galicia tivemos xa as experiencias pioneiras de marcas como Deleite, que comercializa leite A2, ou de Kalekoi, que produce un iogur A2”, lembra o catedrático.
As vacas frisonas, as máis habituais nas ganderías de leite de Galicia, presentan de xeito natural arredor dun 35% de animais que producen leite A2, un 16% leite A1 e o resto produce un leite con mestura de proteínas A2 e A1. Para evolucionar cara vacas que só produzan leite A2, as granxas terían que facer un xenotipado de todo o rabaño, a fin de ir seleccionando animais e os cruces con touros A2.
Na medida en que se vaia desenvolvendo a produción de leite A2, Cepeda apunta a necesidade de que a Administración estableza mecanismos de control, complementarios ós das empresas, para evitar posibles fraudes na comercialización.
Na balanza, á hora de que as granxas valoren o cambio cara o leite A2, Cepeda apunta tamén posibles cuestións en contra. “O único problema pode ser que haxa unha baixada do rendemento produtivo, pois asúmese en xeral que os xenotipos A1 son máis produtivos en volume, se ben tamén hai traballos que non atopan diferenzas significativas”, explica Cepeda.
As características tecnolóxicas do leite A2 para produtos lácteos (queixos, iogures) é outra cuestión que se debe testar na práctica, pois en principio Cepeda considera que o A2 “pode presentar peores características tecnolóxicas”.
Potenciación da liña investigadora do Campus Terra
Durante o acto académico da festividade de Santo Tomás de Aquino, celebrado o pasado venres en Lugo, o rector da USC, Antonio López, anunciou a potenciación da liña de investigación do Campus Terra, pois para este 2024 está prevista a creación dun centro de investigación que aborde liñas de investigación ligadas coas enfermidades animais, coa nutrición humana e cos riscos ambientais para a saúde.
“Será un centro que traballará de xeito interdisciplinario e que contará con máis recursos e persoal con vocación de permanencia”, destacou López, que lembrou tamén que este centro complementará o traballo que xa vén desenvolvendo o Ibader (Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural). “Queremos ser máis competitivos e aumentar a transferencia de resultados ó sector produtor”, incidiu.
Sobre a polémica pola posibilidade de compartir titulacións con outras universidades galegas, López sinalou que a USC está aberta a titulacións compartidas, pero sempre e cando se manteña a docencia presencial, “algo que non se garantiu, polo que nos retiramos do proceso”, concluíu o reitor.