Plan estratéxico 2026-2029 do Campus Terra: innovación, formación e loita contra o despoboamento
O novo plan inclúe 36 accións que buscan posicionar o campus como un referente científico e social en Galicia e a nivel internacional
![Vista das distintas Facultades que integran o Campus Terra da USC en Lugo](https://innova.campogalego.gal/wp-content/uploads/2024/09/Campus-Terra-USC.jpg)
Campus Terra da USC en Lugo.
O Consello de Goberno aprobou o plan estratéxico 2026-2029. Este conta cun paquete de 36 accións para executar ao longo dos vindeiros anos por parte do Campus Terra da USC, con sede en Lugo.
O obxectivo deste plan será impulsar a formación de calidade do Campus que, á súa vez, permitirá aumentar o emprego nas novas xeracións. Tamén buscarán fomentar a competitividade do tecido empresarial e loitar contra o despoboamento mediante o desenvolvemento de avances tecnolóxicos.
O Campus Terra foi creado a partir dun acordo entre a Xunta de Galicia e a USC, co propósito de converter o campus de Lugo nun referente científico e social nos ámbitos da sustentabilidade económica, social e ambiental. Por este motivo, foi acreditado como campus de especialización do SUG durante o período 2022-2025.
Tras completar o Plan Operativo anterior e poñer en marcha as accións previstas, iníciase agora unha nova fase de planificación estratéxica. O obxectivo é “crear un ecosistema académico e investigador moderno, actualizado e dinámico, capacitado para facer fronte aos novos retos de forma áxil e desde unha perspectiva interdisciplinaria e integradora”, segundo explicou o reitor Antonio López.
Plan 2026-2029
O plan estratéxico 2026-2029 situará o Campus Terra como un referente en Galicia, España e a nivel internacional nas súas áreas de especialización. Busca fortalecer a gobernanza transparente e participativa, mellorar a oferta docente e promover unha investigación de excelencia e multidisciplinar.
Segundo Elvira López Mosquera, delegada do reitor para o Campus Terra, isto permitirá “unha transferencia áxil ao tecido produtivo máis próximo e que impulse a creación de redes e alianzas estratéxicas internacionais”.
O plan estrutúrase en cinco dimensións: organización e gobernanza; docencia; investigación; transferencia e interacción co tecido produtivo; información pública e transparencia.
A proposta inclúe máis de trinta accións como aumentar a presenza do tecido produtivo na súa estrutura de goberno, actualizar a oferta docente e reforzar a Axenda Científica do campus cunha nova liña de especialización. Tamén se planea a consolidación dun novo Centro de investigación en Saúde Global.
Dentro das novas titulacións que se desenvolverán nos próximos anos, figuran un mestrado interuniversitario en vehículos autónomos e outro en enxeñaría da paisaxe, infraestruturas verdes e transición rural.
Ademais, crearase un Laboratorio de Innovación Docente e un Programa de prácticas remuneradas no estranxeiro. O plan tamén contempla o impulso de alianzas estratéxicas e reforzar a marca Campus Terra e a de ‘Lugo Cidade Universitaria’.