Proxecto para revalorizar a gandería extensiva en zonas de montaña para conservar a biodiversidade
Investigadores do Campus Terra traballan nun proxecto para impulsar a bioeconomía a través da revalorización da gandería extensiva
Impulsar a bioeconomía rural a través da revalorización da gandería extensiva en áreas de montaña vencelladas coa conservación da biodiversidade centra os obxectivos do proxecto RURALtXA!. Trátase dunha iniciativa na que participan investigadores da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC xunto con outros profesionais de HAZI Fundación e da UDC, que é a entidade coordinadora do proxecto.
O proxecto botou a andar en setembro de 2022 e prolongarase ata finais de 2025. Abrangue diferentes actividades, desde a cartografía e a caracterización socioeconómica, legal e administrativa das actividades tradicionais desenvolvidas en enclaves de montaña do Norte peninsular (Galicia e Euskadi), ata a implementación de plans de manexo baseados en resultados de conservación, con indicadores, medidas e recomendacións de xestión gandeira que impulsen a bioeconomía rural, ata, entre outras, a execución de actuacións de restauración ecolóxica (rozas, eliminación especies forestais exóticas, peches, restauracións hidrolóxicas etc.) e de seguimento da evolución dos Hábitats de Interese Comunitario (HIC).
A posta en marcha dunha rede de traballo que promova o deseño de ferramentas para impulsar a bioeconomía (valorización e comercialización de produtos, actividades formativas, visitas a casos de éxito, ecoturismo etc.), á vez que se fomenta a réplica e transferencia dos resultados acadados, constitúe outro dos cometidos de RURALtXA!. As accións concrétanse naqueles hábitats seminaturais considerados como de maior relevancia da área atlántica da Península Ibérica.
A USC fará unha coordinación técnica do mesmo, labor que recae nun equipo interdisciplinar formado Ramón Alberto Díaz Varela, Emilio Rafael Díaz Varela, Almudena Hospido Quintana, César A. Blanco Arias, R. Alfonso Laborda Bartolomé e Alberto Fraile de Benito. O seu cometido abrangue a coordinación e avaliación do estado de conservación dos hábitats, a redacción de plans de manexo, accións de conservación, avaliación de servizos ecosistémicos e da sustentabilidade do ciclo de vida das actividades gandeiras.
As actuacións desenvolvidas e proxectadas por este equipo de investigación da USC concrétanse en 4 áreas de traballo concibidas como áreas piloto, tales como son a Serra da Groba, en Pontevedra, Serra da Faladoira, na Coruña, e Monte Maior e Serra do Xistral, na provincia de Lugo. Trátase de catro espazos de montaña caracterizados pola presenza de queirogais secos e húmidos, así como de turbeiras altas e de cobertor, hábitats, en todo caso, moi ligados ao mantemento de actividades tradicionais, explican.
César A. Blanco sinala neste senso que o proxecto RURALtXA! permite ao persoal investigador da USC dar continuidade a outras liñas de traballo xa desenvolvidas sobre o mantemento das actividades tradicionais do mundo rural galego, vinculadas á conservación da biodiversidade.
A iniciativa de I+D está financiada con máis de 1,5 millóns de euros de fondos NextGenerationEU a través da Fundación Biodiversidad, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO).