Relación entre a dieta das vacas e a presenza de compostos bioactivos no leite
A herba fresca achégalle ao leite maiores niveis de Omega 3 e vitaminas A e E, segundo se demostra na tese presentada no Campus Terra, a partir de unha investigación desenvolta en Mabegondo e en 25 granxas galegas
Os produtos lácteos son parte esencial dunha dieta sa e equilibrada. Achegan proteínas, calcio e vitaminas. Pero non todos os leites son iguais. O investigador Adrián Botana, que presentou unha tese de doutoramente na Escola Politécnica Superior de Lugo (USC), incide sobre a relación entre a dieta consumida polas vacas frisoas e a composición do leite. O traballo complementou as observacións desenvoltas en explotacións leiteiras comerciais con ensaios de alimentación controlada realizados nas instalacións experimentais do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).
O estudo, que incluíu unha parte de traballo de campo en 25 explotacións galegas e outra parte experimental na granxa do CIAM, tiña como obxectivo mellorar a información existente sobre a alimentación do gando e a relación da dieta coa composición do leite.
Os resultados mostran que a alimentación das vacas en pastoreo achega un maior contido en compostos bioactivos (ácidos graxos poliinsaturados, vitamina E e carotenoides) ao leite, comparados con outros sistemas de alimentación. Cando na ración se inclúe ensilaxe de herba, obsérvase tamén un efecto favorable, comparado con dietas onde predomina a ensilaxe de millo.
O gandeiro debería cobrar pola calidade da graxa que conteña o leite da súa explotación
O consumidor actual busca no leite algo máis que un produto nutricional excelente, segundo sinala o investigador. Quere a maiores un elemento saudable e producido de xeito respectuoso tanto co medio ambiente como co benestar dos animais. É un camiño que se comeza a andar en España, onde estes valores son progresivamente apreciados pola industria e a distribución, chegando até o consumo. “Ata o momento, o gandeiro só cobra o leite a día de hoxe en función da porcentaxe de graxa que conteña o seu leite, pero non en función da calidade desa graxa”, explica Adrián.
A herba dá un leite cun mellor perfil de ácidos graxos e antioxidantes
As forraxes son a principal fonte de lípidos na alimentación, polo que o perfil de ácidos graxos do leite e a concentración de carotenoides e vitamina E pode variarse de forma completamente natural a través da ración, segundo a investigación de Adrián.
Detéctase un mellor perfil de compostos bioactivos saudábeis no leite das vacas con acceso continuado ao pasto, comparado co das vacas que teñen un acceso restrinxido ás pradeiras; mentres que cando os animais en lactación permanecen estabulados permanentemente e son alimentados exclusivamente con racións a base de ensilaxes e concentrados, a presenza no leite destes compostos diminúe.
Polo tanto, explica, “o leite producido en explotacións de pastoreo, sobre todo nas ecolóxicas, é máis saudable desde o punto de vista do perfil graxo porque ten unha maior concentración de ácido linoleico conxugado (CLA), o cal se considera favorábel desde o punto de vista dunha dieta sa”, conclúe.
A calidade da graxa e o perfil antioxidante do leite mellora cunha maior presenza de pastos frescos na dieta da vaca. Pola contra, a maior produtividade lógrase cun maior nivel de amidón na materia seca da ración, algo que aporta o millo. Polo tanto, para Adrián, o “punto de equilibrio” podería estar nunha combinación do pastoreo cunha adecuada suplementación enerxética.
Dado que é o sistema máis habitual en Galicia, un capítulo específico da tese de Adrián Botana analiza como inflúe a cantidade e proporción de silo de millo e silo de herba na ración sobre a produtividade animal e a composición do leite, concluíndo que unha proporción ideal sería a dunha ración composta por un 20 % de MS de silo de herba e un 40 % de MS procedente silo de millo. É a que achega máis produción de leite e maior porcentaxe de materia graxa.
Unha proporción ideal para a ración das vacas estaría nun 20% de materia seca aportado polo silo de herba e un 40% polo silo de millo. É a ración que aportaría máis litros e máis graxa
“A porcentaxe de graxa tamén cae cando non se introduce ensilado de herba na dieta, mentres que o extracto seco e a proteína aumentan liñalmente canto máis amidón achega o millo”, explica o autor do traballo.
Descenso do número de explotacións en Galicia
O sector lácteo galego ten demostrado unha alta capacidade de adaptación aos cambios. Nos últimos 35 anos o número de explotacións leiteiras existentes na nosa comunidade pasou de 100.000 a 7.000 pero malia iso e á lousa que supuñan as cotas lácteas, a produción duplicouse desde 1,2 millóns de toneladas do ano 1985 ós 2,8 millóns producidos. “Segue en descenso o número de explotacións en Galicia, temos agora mesmo unhas 7.000 granxas, pero van seguir baixando até as 4.000 ou 5.000”, calcula Adrián.
Na súa opinión, Galicia tamén ten que apostar por unha produción leiteira máis vinculada á produción de forraxe. Pero para iso as explotacións precisan aumentar a súa base territorial. A falta de base territorial fixo que as explotacións se intesificasen, aumentando o achegue de concentrado á dieta. “O peso dos concentrados na ración en Galicia é moi alto e diminúe canta máis herba fresca se introduce”, explica.
Descenso do número de explotacións en Galicia
Segundo a análise realizada, confírmase a existencia de dous modelos diferentes de produción de leite en Galicia en canto a dimensión, usos do solo e sistemas de alimentación: “por un lado está o modelo de pequenas explotacións, que basean a súa alimentación no consumo de pastos, frescos e ensilados, con vacas menos produtivas e máis lonxevas, menor carga gandeira e uso reducido de concentrado, que coexiste con outro modelo máis intensivo, baseado nos cultivos forraxeiros como o millo, uso de concentrado medio-alto, alta carga gandeira e vacas de alta produción menos lonxevas, sendo na actualidade este sistema o responsable da maior parte da produción de leite de Galicia”, afirma Adrián.
Segundo os datos que aporta na súa tese, o 72 % do leite en Galicia prodúcese en sistemas onde o ensilado de herba e millo é predominante, fronte ao 9 % producido en gandarías que empregan herba fresca para a alimentación do gando. Ademais, advirte, “a concentración da produción de leite en determinadas zonas de Galicia pode crear dificultades medioambientais”, polo que propón manter a ocupación do territorio rural con granxas de produción de leite distribuídas pola totalidade da xeografía galega.
Dedicar máis leite a facer queixos
Outro dos problemas históricos do sector lácteo galego é o da escasa transformación do leite que se produce na nosa comunidade. “Só o 15% do leite galego se destina a facer queixos, en Francia é o 50%, polo que o noso sector lácteo podería consolidarse fabricando os queixos que España importa neste momento doutros países europeos”, apunta. Esa é unha das liñas de traballo que propón para garantir o futuro do sector leiteiro. “Galicia é excedentaria en leite pero España é deficitaria e está importando moitísimos queixos que poderían fabricarse en Galicia”, razoa.