Terra Creative Jam, un evento en Lugo para achegar solucións ó rural

O Campus Terra organiza dúas xornadas de actividades para que as persoas mozas desenvolvan ideas de oportunidades no rural. Premiaranse as mellores solucións presentadas

A nova edición do Terra Creative Jam busca achegar solucións que sirvan para reinventar o rural. Este evento, que terá lugar os días 19 e 20 de outubro na Residencia Universitaria Jesús Bal e Gay do Campus de Lugo, abre o seu prazo de inscrición tanto para equipos como para participantes individuais de ata 35 anos, que remata o 18 de outubro ás 20.00 horas. As persoas interesadas poderán anotarse na seguinte ligazón.

Ao longo de dúas xornadas, ofreceranse obradoiros, así como múltiples desafíos sociais, ambientais e tecnolóxicos. No primeiro día as persoas poderán desfrutar de actividades como xogos de creación de ideas e proxectos sostibles, formación con workshops, escape room e escalada, entre outras. A segunda xornada consistirá nun Hackaton onde por equipos traballarán no seu prototipo para crear a súa solución e expoñela ante o xurado.

O evento toca diferentes temáticas que van dende a economía verde, o emprendemento das mulleres do rural ata o rexurdimento creativo e cultural. As ideas e produtos que se desenvolvan deberán estar ligados ás temáticas do evento, ‘CREA’ oportunidades para o rural.

Os tres mellores prototipos de proxecto serán premiados cunha praza para todo o equipo na Residencia formativa LOF TALENT e no Programa de emprendemento EXPLORER USC. Ademais, cada un dos membros do equipo gañador, recibirá premios como cámaras tipo Go Pro, impresoras 3D-mini e tablets, entre outros.

O evento está promovido polo Campus Terra a través da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC en colaboración coa incubadora Lug Open Factory. A actividade é gratuíta e facilitaráselles aos asistentes, desprazamento, aloxamento e mantenza durante os dous días.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *