Transferencia de coñecemento do Campus Terra a través de cinco proxectos no eido agroalimentario e forestal

Resposta a lumes forestais mediante intelixencia artificial, dispositivo para detección de hipocalcemia en vacas de leite, obtención de huitlacoche mediante a súa inoculación en millo, monitorización da temperatura en animais de recría en granxas de vacún e formulación infantil a partir de leite A2 son algunhas das propostas

O persoal investigador responsable dos proxectos financiados ao abeiro do Programa de Activación á Transferencia de Coñecemento no Campus Terra da USC presentaron esta semana os resultados das súas respectivas investigacións no transcurso dunha xuntanza que se desenvolveu no Edificio Cactus do Campus de Lugo.

Trátase dun total de seis investigacións que recibiron, cada unha delas, un apoio máximo de ata 15.000 euros, e que se enmarcan nas liñas de traballo deste campus de especialización, que ten como obxectivo desenvolver o tecido produtivo da contorna, transferindo á sociedade o coñecemento xerado mediante a colaboración entre empresas e institucións. Entre os proxectos financiados atópanse cinco dos eidos agrogandeiro e forestal.

A primeira edición do Programa de Activación á Transferencia de Coñecemento no Campus Terra da USC trata de dar resposta a demandas que sexan relevantes para a sociedade

O catedrático na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) e investigador do grupo Proxectos e Planificación(PROEPLA), Manuel Francisco Marey Pérez, lidera Modelo de resposta temperá a lumes forestais mediante intelixencia artificial, un proxecto baseado na aplicación de técnicas de Intelixencia artificial, Machine learning e Deep learning na modelización dos incendios forestais.

A creación dunha Nova fórmula infantil optimizada que teña como ingrediente principal o leite A2 é a base sobre a que se asenta a investigación dirixida pola catedrática na Facultade de Ciencias, Cristina Fente Sampayo, do grupo Hixiene, Inspección e Control de Alimentos (LHICA).

O proxecto presentado por Marta Inés Miranda Castañón, catedrática na Facultade de Veterinaria e pertencente ao grupo Investigación en Medicina Animal (IMedA), céntrase no Diagnóstico da hipocalcemia subclínica a pé de vaca de forma sinxela e barata, utilizando pequenas cantidades de soro sanguíneo.

Pola súa parte, a profesora da EPSE e investigadora do grupo Viticultura e sanidade vexetal, Cristina Cabaleiro Sobrino, é a coordinadora de Técnicas de inoculación do millo tradicional para obter Huitlacoche galego, un alimento popular en México en preparacións tradicionais que empeza a ser considerado en Europa e Norteamérica como unha delicatessen á que chaman “a trufa do millo”. O reto deste proxecto é acadar huitlacoche en Galicia, con inoculo local e sobre variedades de millo tradicionais.

Rodrigo Muiño Otero, profesor da Facultade de Veterinaria e investigador do grupo Metabolismo e patoloxía animal, optou polo Desenvolvemento dun dispositivo térmico de monitorización da recría e pola análise do impacto económico do estrés por calor sobre as explotacións gandeiras de vacún de leite.

Programa de Activación á Transferencia de Coñecemento

O Programa de Activación á Transferencia de Coñecemento no Campus Terra da USC ofrece ferramentas de valorización para que a investigación xerada nos grupos de investigación afíns aos eixos de especialización do propio campus, sexa orientada e posúa máis potencial para a súa transferencia a empresas e entidades públicas.

A primeira das convocatorias, realizada no 2023, dirixiuse a proxectos que necesitasen un proceso de validación técnica que lles permitise acceder a niveis de maduración tecnolóxica avanzada e acometer así novas probas de concepto ou escalado. De feito, entre os criterios de elixibilidade atopábase a existencia dunha oportunidade de aplicación económica ou social dese novo coñecemento.

O Campus Terra factura 4 millóns de euros ao ano grazas a convenios de investigación e transferencia con empresas e institucións

Os proxectos contaron dende o primeiro momento co acompañamento e asesoramento do persoal técnico do Campus Terra e da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) para contribuír a unha adecuada orientación das candidaturas.

A delegada do reitor, Elvira López Mosquera, destacou que “o Campus Terra ten un alto nivel de transferencia”, circunstancia que xa en 2021 foi destacada polo Comité de Avaliación do campus de especialización. “Temos un campus con titulacións moi aplicadas que factura unha media de catro millóns de euros ao ano en convenios e contratos para investigar e innovar”, explicou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *