Un proxecto abordará o uso piloto de auga rexenerada para rega en Galicia
O Campus Terra lidera unha iniciativa que contará con 15 experiencias de uso de auga depurada para rega de cultivos leñosos e hortícolas. No caso galego, probarase con lúpulo
A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC avalía o uso de auga rexenerada en cultivos de regadío do espazo Sudoe ao abeiro do proxecto I-ReWater. Esta área está conformada polo territorio da Península Ibérica, Principado de Andorra e Sur de Francia.
‘I-ReWater. Xestión sustentable dos recursos hídricos na agricultura de regadío no espazo Sudoe’, pasa por avanzar na preservación dos recursos hídricos e na optimización dos seus usos, a fin de favorecer a adaptación ao cambio climático e minimizar os seus efectos. O proxecto bota a andar o vindeiro 19 de febreiro na EPSE e as pescudas prolongaranse durante os próximos tres anos. Está liderado por Javier J. Cancela Barrio, profesor e investigador do grupo PROePLA da USC que lidera este programa.
Segundo as pescudas realizadas, o emprego de auga rexenerada na agricultura de regadío podería implicar un aforro do 10 % dos recursos hídricos dedicados na actualidade a tal fin, lembra Cancela. Esta redución no consumo de auga de rega permitiría destinar a outros usos os recursos hídricos extraídos de pozos e canles fluviais.
Durante estes tres anos agardan desenvolver 15 proxectos pilotos en diferentes localizacións, co fin de comprobar os efectos do aproveitamento de auga rexenerada parcelas de agricultura de rega con 13 cultivos leñosos e dous hortícolas. O persoal científico e técnico implicado neste proxecto europeo analizará o estado actual dos recursos hídricos no espazo Sudoe e avaliará os efectos da auga rexenerada na produción e na calidade dos cultivos para favorecer a resiliencia e a seguridade das augas.
Os resultados das distintas accións parciais desenvolvidas permitirán unha posterior estratexia de actuación a nivel internacional que servirá para definir as distintas etapas a seguir no progresivo proceso de incorporación das augas rexeneradas ao conxunto de recursos hídricos dispoñibles destinados a regadío. Daquela, este proxecto posibilitará desenvolver ferramentas para a mellora de toma de decisións, a través da integración de modelos e aplicacións xa existentes na actualidade.
A USC tamén liderará a creación dun polo sobre o uso de auga rexenerada que se presentará en Madrid a finais de novembro de 2026. Ao tempo analizará o ciclo de vida das accións piloto nas que se empregue auga rexenerada para o regadío e contribuirá a desenvolver unha plataforma de sensores de baixo custe para optimizar o control e o seguimento da rega nestas experiencias de campo.
O persoal investigador da USC xestionará de xeito directo dous dos proxectos piloto, tal e como son as accións proxectadas en parcelas comerciais de lúpulo localizadas en Abegondo (A Coruña) e Villanueva de Carrizo (León), traballos nos que colaborarán LUTEGA e SAT Lúpulos de Léon. A empresa GESTAGUA, beneficiaria do proxecto, será a encargada de proveer auga rexenerada para a rega, co que se garante o cumprimento dos parámetros de calidade da auga, acorde coa normativa en vigor.