Unha solución galega para preservar a biodiversidade a través da Intelixenxia Artificial

O proxecto Nature FIRST no que participa a spin off da USC 3edata está a xerar diferentes solucións innovadoras para a monitorización da biodiversidade


O equipo da spin off da USC 3edata presentou esta semana en Frascati (Italia), no marco do Seminario sobre crimes ambientais e o papel das novas tecnoloxías de observación da Terra as súas últimas achegas para o proxecto Nature FIRST no eido da cartografía de hábitats en espazos protexidos. O evento estaba organizado pola Axencia Espacial Europea e o Centro Común de Investigación da Comisión Europea.

“Aplicamos técnicas de intelixencia artificial e aprendizaxe automática para que ‘unha máquina’ sexa capaz de delimitar coas imaxes de satélite e outros moitos datos as superficies de cada hábitat que logo conformarán un plano ou mapa destes hábitats, identificando automaticamente cal é cada un deles no polígono ou superficie cartografada”, explican dende a spin off da USC no Campus de Lugo. Isto xera un aforro de custos, de tempo e mellora na organización dos datos, así como a posibilidade de avaliar parámetros de estado de conservación dos hábitats do espazo protexido. Ademais desta ferramenta, o equipo tamén automatiza a identificación de cambios no territorio, por exemplo cortas forestais, xerando alertas e informes sobre estes cambios no tempo, todo isto aplicando imaxes de satélite, ou de aeronaves ou drons da propia empresa 3edata, nacida no Campus Terra da USC.

O proxecto Nature FIRST aborda o recoñecemento automático de especies, persoas ou vehículos con cámaras de ‘fototrampeo’

“A diminución da biodiversidade é un dos problemas máis urxentes que enfronta a humanidade”, explican dende o proxecto. A biodiversidade abarca a variedade e variabilidade da vida na Terra: todos os animais, plantas, fungos e microorganismos que traballan xuntos para formar os diferentes ecosistemas que existen. “Lamentablemente, a medida que exercemos cada vez máis presión sobre o planeta, a biodiversidade está a diminuír a un ritmo alarmante”, matizan.

Precísase comprender mellor por que e onde está a diminuír a biodiversidade e cales son os principais factores causantes. Neste senso, o proxecto Nature FIRST aborda a recolección e procesado de datos en campo; o recoñecemento automático de especies, persoas ou vehículos con cámaras de ‘fototrampeo’ (incluíndo alertas ao xestor do espazo); xemelgos dixitais de procesos animais, como o movemento do oso pardo, empregando a cartografía xerada por 3edata; ou a aplicación de semántica de datos.

Equipo que formou parte do proxecto. Cedida


Boris Hinojo de 3edata, Jan Kees de Sensing Clues, Janka Faller e Linda van Duivenbode de dotSPACE, Ondrej Koporec do Presidium da Policía (Eslovaquia), así como Gemma Prieto e Tania de la Fuente da Unidade Central Operativa Medioambiental do SEPRONA (UCOMA-SEPRONA) foron os encargados de presentar os resultados preliminares do proxecto en Italia.

Comments are closed.