“A carga de combustible de superficie baixo sotobosque é moi importante ao falar da propagación do lume”

Cecilia Alonso Rego, enxeñeira de Montes na EPS e investigadora, fálanos do seu traballo de investigación no que empregando diferentes metodoloxías aborda como as características dos combustibles teñen que ver na propagación dos incendios


‘Estimación de biomasa e características estruturais do combustible en comunidades de matogueira desarborada e piñeirais en Galicia a partir de escáner láser terrestre, láser aéreo e inventario de campo’, así se titula o traballo de investigación levado a cabo pola enxeñeira de Montes Celia Alonso Rego na Escola Politécnica Superior (EPS) do Campus Terra, en Lugo. A súa proximidade co sector forestal e o apoio recibido dende a Universidade de Santiago e Compostela foron dous dos motores para poñerse a investigar máis sobre como os combustibles son importantes na xestión de incendios, empregando metodoloxías concretas no seu proxecto.

– Cantos anos leva inmersa nesta investigación?
Comecei o meu doutoramento no ano 2018 coa profesora Dra. Ana Daría Ruíz González, a quen agradezo sinceramente todo o seu apoio e confianza. Nun principio carecía de axuda económica propia para desenvolver o traballo de tese, polo que estiven, a tempo parcial, traballando noutras investigacións dentro do grupo UXAFORES e compatibilizándoa cos meus estudos de doutoramento. Posteriormente, no ano 2020 e incorporando como titor ao profesor Dr. Ramón Alberto Díaz Varela, concedéronme unha axuda Predoutoral da Xunta de Galicia, polo que puiden dedicarme por completo á investigación.

– Por que elixiches esta temática?
A miña familia sempre estivo ligada ao sector forestal, os meus avós, o meu pai e sobre todo o meu tío, que era axente forestal da zona, inculcáronme un grande interese polo mundo forestal e, sobre todo, polos incendios forestais. A todo isto, súmase o entusiasmo amosado pola profesora encargada de impartir a clase de prevención e loita contra os incendios forestais na titulación, que finalmente foi unha das miñas titoras de tese.

– Cales son as metodoloxías de cálculo validadas na investigación?
Pois a tese estrutúrase en 3 artigos científicos e unha comunicación presentada ao VIII Congreso Forestal Español, nos que se mostraron os resultados dun estudo sobre a utilización de diferentes metodoloxías para a estimación de cargas e estrutura vertical dos combustibles forestais.

No primeiro traballo, realizáronse inventarios non destrutivos nun total de 55 parcelas en comu-nidades de matogueira desarboradas distribuídas por toda Galicia. Tamén, se levou a cabo un único escaneado cun láser terrestre (TLS) e calculáronse métricas relacionadas coa distribución vertical e horizontal das nubes de puntos obtidas datos destas metodoloxías axustouse un siste-ma de ecuacións desagregadas por fraccións de clases, de tamaño e estado vexetativo vi-vo/morto, a partir do uso do TLS e das medicións de obstrución visual en campo.

Empeza a ser máis común o uso de datos obtidos a partir da teledetección, en especial para traballar en grandes áreas

No seguinte traballo, utilizáronse datos procedentes de inventarios de arborado e sotobosque, realizados nunha rede de parcelas de ensaio de claras establecidas polo profesor Castedo Dora-do, en plantacións puras e coetáneas de Pinus radiata e Pinus pinaster. Así mesmo, a partir das nubes de puntos obtidas de ALS de baixa densidade e da realización dun único escaneado con TLS en cada parcela, calculáronse diversas métricas relacionadas coa distribución vertical e horizontal dos combustibles forestais.

Finalmente, comparáronse tres técnicas non paramétricas diferentes de aprendizaxe automática (machine learning) para avaliar o seu uso potencial, por separado e integrado, para proporcionar estimacións precisas das variables anteriormente mencionadas. As técnicas utilizadas son: Multivariate Adaptive Regression Splines (MARS), Support Vec-tor Machine (SVM), e Random Forest (RF). En xeral, os mellores resultados obtivéronse coas técnicas MARS para os datos de ambos os sensores. A combinación das métricas ALS e TLS mellorou a precisión das estimacións para todas as variables analizadas, excepto a altura e a carga da vexetación de sotobosque.

En canto ao último traballo axustáronse dous sistemas de ecuacións para estimar a biomasa de combustible morto total e por tamaño nos primeiros 6 m de tronco, así como a súa distribución vertical en masas puras de P. radiata sen podar. Para o desenvolvemento dos modelos realizáron-se mostraxes destrutivas de ramas secas ata unha altura de 6 m nun total de 65 árbores distribuí-das en 20 parcelas establecidas na área de distribución desta especie na provincia de Lugo.

– Por que emprega os métodos escáner láser, láser aéreo e inventario de campo para este proxecto?
Cada vez é máis frecuente o uso de datos obtidos a partir da teledetección, en especial para traballar en grandes áreas. Nós tratamos de avaliar o uso de diferentes sensores (ALS e TLS) e a combinación de ambos para a estimación das cargas de combustible desagregadas por clase de tamaño e estado vexetativo (vivo/morto). Ademais, unha das grandes vantaxes do uso de sensores remotos é que sempre podes contar coa información recollida e nun futuro poder extraer máis información que a que hoxe en día podemos coñecer.

– En que áreas de Galicia se centrou a investigación?
Pois tratamos de englobar a maior parte de Galicia, en especial zonas de matogueira desarbolada con presenza de toxos, brezales e carqueixas e os piñeirais máis presentes na nosa Comunidade (Pinus pinaster e Pinus radiata).

En conxunto serían 55 parcelas de matogueira desarbolada, 102 parcelas de arborado e matogueira de sotobosque (implantadas polo profesor Fernando Castedo Dorado da Universidade de León) e 20 parcelas de piñeirais de P. radiata sen xestionar.

– De que xeito se pode prever e evitar a propagación de incendios?
A xestión do combustible é moi importante. Reducindo a carga do combustible de superficie e o incremento da descontinuidade entre os estratos de superficie e de copa axudaríase a diminuír a capacidade dos incendios de superficie para pasar ao dosel de copas. Ademais, a redución da carga do combustible no dosel limitaría o potencial para a propagación do lume polas copas.

É necesario contar cunha maior mostra de parcelas para cada comunidade de matogueira que permitiría mellorar a exactitude das estimacións

– Traballaches para a túa tese con 55 parcelas repartidas. Que diferenzas atopaches entre elas segundo a especie e a localización?
Nesta investigación traballamos en parcelas moi diferentes, tanto de matogueira desarborada, de sotobosque ou arboredo. As parcelas de matogueira desarborada centráronse no estudo das toxeiras, zonas de queiruga e carqueixais sempre con porcentaxes de cobertura moi elevados, máis do 80 %. En canto ao sotobosque baixo arborado (piñeirais) era menor e bastante similar en canto ás diferentes especies de piñeiro analizadas e finalmente as masas arbóreas de P. radiata sen xestionar, presentaban grandes cantidades de combustible en escaleira e unha gran continuidade vertical.

– Cales serían o tipo de parcelas/especies que xeran maior carga de biomasa?
Todo depende da cobertura e da situación das masas. En Galicia contamos coa foto-guía de combustibles forestais de aquí e comportamento do lume asociado, onde podemos ver unha colección de fotografías de diversas situacións de combustible representativas das principais formacións vexetais e así comparar por similitude unha destas situacións coa parcela da que queiramos saber a carga de combustible fino. Deste xeito obtense unha información cuantitativa sobre o combustible.

-Como afecta a biomasa das formacións vexetais á propagación dos incendios?

As características dos combustibles forestais son moi importantes na xestión dos incendios forestais, xa que son a fonte de enerxía necesaria para o desenvolvemento do lume. Os combustibles vense máis afectados en épocas de altas temperaturas e escasas precipitacións.

– Cales son as seguintes liñas de investigación nas que vas centrar o teu traballo?
É necesario contar cunha maior mostra de parcelas para cada comunidade de matogueira que permita axustar o sistema de ecuacións para cada unha delas, o que permitiría mellorar a exactitude das estimacións.

Tamén levar a cabo mostraxes destrutivas do combustible forestal para establecer unha metodoloxía do TLS ou ALS máis robusta na estimación das principais características relacionadas co comportamento do lume. De feito, xa se comezaron a realizar os devanditos traballos entre o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán e a USC.

– En que aspectos consideras necesario seguir afondando no estudo da biomasa do sotobosque en Galicia e por que motivos?
A carga de combustible de superficie baixo sotobosque é moi importante ao falar da propagación do lume; non é o mesmo un lume de superficie que un lume de copas activo.

Comments are closed.