A EE Forestal desenvolve un modelo para diversificar o aproveitamento dos montes galegos
Investigadores da Escola avaliarán os posibles beneficios de destinar parcelas do monte a plantacións de froitos do bosque e cogomelos shiitake
O proxecto Multi-Forest (Multifuncionalidade e valorización integral do monte a través da certificación da cadea de custodia) investiga sobre a xestión integral das preto de 600.000 hectáreas improdutivas ou pouco propicias que hai en Galicia. O grupo operativo está integrado polo grupo de investigación AF4 da Escola de Enxeñaría Forestal, a Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga), a Asociación Galega Promotora da Certificación Forestal (PEFC Galicia) e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Baroña (Porto do Son). Será precisamente nas preto de 870 hectáreas xestionadas por esta entidade onde este grupo porá a proba un “modelo multifuncional e resiliente” do monte galego, centrado na diversificación dos aproveitamentos e na revitalización, como sinalan, “de zonas pouco produtivas”.
O proxecto busca analizar “os beneficios ambientais, sociais e económicos dunha “xestión multifuncional e integral do monte”, que permita tanto “incrementar a súa sostibilidade” como “achegar valor engadido” aos produtos derivados deste. Neste caso, avaliaranse os posibles beneficios de destinar parcelas do monte a plantacións de froitos do bosque e cogomelos shiitake, á vez que acadar a certificación de xestión forestal sostible PEFC para o mel e a carne de cabalo de Baroña, o que no segundo dos casos sería algo pioneiro en España.
Xana Álvarez, investigadora do grupo AF4 e coordinadora técnica deste proxecto, indica que o grupo operativo traballará con imaxes por satélite de libre acceso, coas que “analizar a grande escala os cambios rexistrados nas diferentes parcelas do monte” e “identificar zonas potenciais para cada uso”, a través do establecemento dunha serie de “indicadores do solo e da contorna”.
Partindo desa identificación, estudarase a viabilidade de destinar a novos usos “terreos que non poden ser aproveitados con madeira” para a produción, desde a perspectiva dun “aproveitamento ecolóxico integrado e compatible do monte”. Ese sería o caso, lembra Álvarez, das “zonas próximas a núcleos de poboación”, que se deixan sen arborado para “protexelas de posibles incendios”, pero das que podería obterse “unha maior rendibilidade”. Concretamente, neste proxecto está previsto destinar 3.500 metros cadrados ao cultivo de shiitake e unha hectárea á plantación de froitos como arandos.
Certificación PEFC
“O certo é que todos estes aproveitamentos están pouco valorados e non se introducen de forma compatible coa produción de madeira dos montes”, sinalan desde o grupo operativo. Tamén levará a cabo unha “análise da trazabilidade” de dous produtos resultado da actividade agrogandeira que se desenvolve en Baroña, o mel e a carne de cabalo e derivados desta. Para iso, “establecerase a folla de ruta” que permita “certificar a cadea custodia” destes produtos co obxectivo de que poidan obter a certificación PEFC, que certifica que son resultado dunha xestión forestal sostible. Trátase, engade, dunha iniciativa innovadora, posto que, de conseguirse, trataríase da primeira certificación outorgada en España á carne de cabalo e tamén do primeiro mel de Galicia en contar con este selo.
Aínda que o conxunto de actuacións deste grupo operativo desenvolveranse en Baroña, trátase dunha “experiencia piloto extrapolable a calquera monte de condicións semellantes”, como apunta Álvarez dun proxecto no que se definirá un “sistema de indicadores específicos do ecosistema forestal”.
Ao mesmo tempo, tamén está prevista a avaliación dos “impactos sociais e ambientais” da experiencia levada a cabo, ao igual que dos ambientais. Para iso, realizarase unha cuantificación da pegada de carbono antes e despois do proxecto, co propósito de coñecer o potencial desta “xestión multifuncional do monte” para mitigar os efectos do cambio climático.
Financiamento
Multi-Forest é un proxecto financiado polas axudas, xestionadas pola Consellería do Medio Rural, para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea de Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027. Conta cun orzamento de preto de 180.000 euros.