FORTEXVAL: Ciencia, tradición e territorio para unha nova economía forestal

As xornadas celebradas en Porriño reuniron a representantes das tres entidades promotoras -CTAG, CTC e a Mancomunidade Reserva do Saja- para expor os avances deste proxecto que se centra na combinación de técnicas tradicionais con novas tecnoloxías para a valorización de residuos forestais

Foto de grupo tras a xornada do proxecto FORTEXVAL no Ctag-Centro Tecnológico De Automoción De Galicia

No corazón do Parque Natural Saja-Besaya (Cantabria), unha das zonas con maior valor ecolóxico do norte peninsular, está a desenvolverse un modelo pioneiro de xestión forestal que combina tecnoloxía avanzada, coñecemento científico e saberes tradicionais. Trátase do proxecto FORTEXVAL, impulsado pola Mancomunidade Reserva do Saja, o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) e o Centro Tecnolóxico de Cantabria (CTC), con financiamento da Fundación Biodiversidad a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO). Nunhas xornadas celebradas recentemente no Porriño (Pontevedra), os equipos implicados compartiron avances e reflexións sobre esta iniciativa que propón unha bioeconomía circular adaptada a contornos forestais protexidos e en risco de despoboación.

Un modelo de innovación territorial

A xornada foi inaugurada por Raquel Ledo, responsábel do Departamento de Innovación en Materiais do CTAG. Na súa intervención sinalou que FORTEXVAL se enmarca nunha estratexia de aproveitamento integral do monte, desde unha perspectiva ecolóxica, social e económica, que require tanto do desenvolvemento tecnolóxico como do coñecemento práctico do territorio. Destacou tamén o papel do financiamento público do MITECO e da Fundación Biodiversidade, grazas ás liñas de axuda a proxectos de bioeconomía no medio rural. Tamén fixo fincapé na importancia da colaboración entre as tres entidades participantes: CTAG, CTC e a Mancomunidade do Saja.

“Eles son os brazos, nós o tronco: o territorio”, explicou Manuel Manrique González, Axente de Desenvolvemento Local da Mancomunidade onde se desenvolve o proxecto. Esta entidade supramunicipal que agrupa catro concellos rurais do occidente cántabro (cunha poboación total de 4.500 persoas) conta co maior parque natural de Cantabria, o Saja-Besaya, de 24.500 hectáreas, ademais dunha comunidade de pastos con biomasas de moi alto valor. Con máis de 20 anos de experiencia en proxectos de valorización de recursos locais, esta mancomunidade foi chave para artellar as necesidades do territorio coas capacidades técnicas dos dous centros tecnolóxicos socios do proxecto: o CTC e o CTAG.

Manrique explicou que o proxecto xurdiuç como resposta á necesidade de xerar novas oportunidades económicas sen desvincularse da identidade natural da comarca. O seu enfoque partía da premisa de que o monte, alén do seu valor turístico ou paisaxístico, require dunha xestión activa. E subliñou que durante décadas, o abandono rural provocou un uso pasivo destes espazos, onde os incendios se converteron no principal “xestor” dos montes.

Fronte a este modelo, FORTEXVAL propón un manexo responsábel e planificado, compatíbel coa conservación ambiental. Cabe destacar que é un proxecto moi centrado en zonas rurais nas que hai un especial interese pola conservación e preservación da natureza. Así o reflicte o papel da Mancomunidade Reserva do Saja, que se centrou en analizar o territorio e ponderar as áreas de posible actuación en función das distintas especies existentes, como árbores senlleiras, favorecendo un menor impacto e unha maior operatividade na súa extracción.

Os ponentes Manuel Manrique González e Ana Magdalena Pérez-Lafuente nas xornadas do proxecto FORTEXVAL

Un dos piares chave do proxecto é o uso de técnicas tradicionais combinadas con innovación, como a tracción animal para extraer a biomasa de maneira compatíbel con espazos protexidos. Segundo subliñou Manrique, o seu coñecemento nesta área permitiu desenvolver este tipo de traballo con animais apoiado por cuadrillas, que non só é máis respectuoso coa contorna e máis rendíbel economicamente, senón que ademais preserva a cultura do manexo do cabalo: que dá emprego, forma persoas e mantén vivos oficios esenciais no medio rural.

Grazas a esta vía, acadouse unha fazaña administrativa: por primeira vez en 30 anos, autorizouse unha intervención forestal nun monte de utilidade pública dentro do Parque Natural Saja-Besaya, mediante técnicas de resalveo, que permiten extraer biomasa sen danar o ecosistema. Unha mostra tanxíbel de como os métodos tradicionais poden integrarse na xestión moderna do territorio protexido.

FORTEXVAL aspira a ser un modelo replicábel noutras áreas rurais, por iso o proxecto tamén promove actividades de sensibilización e demostración como rutas interpretativas, diagnósticos de árbores senlleiras e cadernos de campo para implicar a poboación local, estudantes, institucións e empresas na protección da contorna. “Porque ao coidar do bosque, coidamos de todos”, reflexionou Manrique na súa intervención.

Tecnoloxía ao servizo da sustentabilidade

Desde o punto de vista tecnolóxico, a participación do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) foi fundamental para demostrar que os residuos forestais non industriais poden ter aplicacións de alto valor engadido. Ana Magdalena Pérez-Lafuente, especialista da área de materiais, presentou as liñas de investigación desenvolvidas por este centro privado.

Á pregunta de por que un centro tecnolóxico da automoción participa nun proxecto forestal, a relatora do CTAG respondeu que a sustentabilidade é unha das liñas chave que demanda actualmente o mercado: “os fabricantes están a pedir novas opcións, e todo o que sexa economía circular”. Por iso, un dos obxectivos principais do CTAG foi incorporar liñas de investigación en alixeiramento de materiais, reciclaxe e biocomposites: materiais híbridos entre polímeros e fibra natural.

Neste proxecto, o CTAG encárgase de dúas fases chave. Por unha banda, a densificación da biomasa no propio monte para logo derivala a dúas vías de valorización. Para iso desenvolveron, xunto con Basilio Fernández, un dos profesionais do centro, un prototipo de máquina móbil capaz de triturar, secar, peneirar e pelletizar biomasa como o toxo directamente no monte, o que permite reducir o custo loxístico e traballar de xeito descentralizado. O emprego desta especie (Ulex europaeus), un arbusto invasor e altamente inflamábel que medra de forma abundante na cornixa cantábrica, ten un dobre beneficio: reduce o risco de incendios e xera valor económico a partir dunha biomasa considerada até agora residual.

Prototipo da maquina desenvolvida por CTAG capaz de triturar, secar, tamizar e pelletizar biomasa

A conversión deses pellets en biocomposites mediante procesos de compounding e inxección é a outra fase chave na que se centra o CTAG. “Todo este material ensaiámolo en flexión, tracción e impacto para verificar o seu comportamento técnico fronte a polímeros virxes”, sinalou Magdalena Pérez-Lafuente, mostrando exemplos reais como lapis ou prototipos de consolas para automóbiles. Os resultados demostraron que é posíbel obter materiais con propiedades funcionais para o sector da automoción, especialmente en pezas non estruturais. Ao remate dos relatorios, as persoas participantes na xornada puideron coñecer a máquina prototipo, o seu funcionamento e os resultados nunha visita guiada ás instalacións do centro xunto ao responsábel.

Alén do potencial industrial, a investigadora subliñou os beneficios territoriais do modelo: axuda a limpar o monte, previr incendios e xerar valor económico e social a partir dun residuo. Porén, tamén apuntou os desafíos pendentes neste tipo de procesos, como o tratamento da biomasa húmida ou a necesidade de integrar ciclos técnicos e biolóxicos nunha economía circular completa. Xa que o obxectivo non é só valorizar o residuo unha vez, senón que o material poida reincorporarse a novos ciclos de uso e recuperación.

Investigación en biochar para pechar o ciclo

O Dr. Ángel Yedra Martínez, responsábel da área de Materiais Avanzados do CTC, presentou a participación do Centro Tecnolóxico de Cantabria no proxecto FORTEXVAL, centrado no desenvolvemento dun modelo de bioeconomía circular en zonas rurais con alto valor natural e escasa densidade de poboación. Xa que o modelo busca non só conservar, senón tamén reactivar estas zonas mediante novas actividades económicas como a extracción de biomasa para o seu aproveitamento.

O CTC liderou a investigación en procesos térmicos para a valorización do toxo mediante pirólise. Yedra, responsábel desta liña, explicou que o traballo se centrou en obter biochar, coñecido como o “ouro negro da natureza”. Este tipo de carbón vexetal, creado a partir da combustión de biomasa sometida a altas temperaturas, presenta propiedades destacadas como a alta porosidade, estabilidade e capacidade de fixación de carbono, o que o converte nun aditivo ideal para a mellora de solos, a retención de auga e a redución de emisións de carbono en sistemas agrícolas.

O Dr. Ángel Yedra Martínez, responsábel da área de Materiais Avanzados do CTC, durante a súa ponencia nas xornadas

En FORTEXVAL, este subproduto representa unha saída adicional para a biomasa, que permite pechar o ciclo de aproveitamento local cunha lóxica de cero residuos. “O obxectivo non é simplemente substituír materiais, senón procesalos e obter un produto diferente ao orixinal, cun valor real no mercado. Iso é valorización”. En canto ao proceso técnico, o Dr. Yedra detallou como se traballou con diferentes temperaturas para maximizar o rendemento de biochar no laboratorio, confirmando que “a temperaturas máis baixas, como 300 ºC, conséguese unha maior porcentaxe de biochar –ata un 66%–, o que o fai máis eficiente para este proxecto”. Engadiu que o coñecemento adquirido está pensado para ser escalado industrialmente, mencionando a colaboración cunha nova planta de pirólise en Cantabria.

Alén do compoñente técnico, o CTC contribuíu a estruturar o modelo de cadea de valor circular, artellando desde a extracción da biomasa até a transformación e aplicación final dos produtos xerados. A experiencia adquirida permitirá replicar este modelo noutras zonas rurais con problemáticas semellantes. O Dr. Yedra concluíu o seu relatorio reivindicando o valor dos proxectos colaborativos: “O importante para xerar proxectos é coñecerse, saber que ten cada entidade, que precisa… e iso xera ideas que benefician a todas as partes”.

Conclusión

O proxecto FORTEXVAL amosa como a xestión forestal pode ser reinventada a partir do diálogo entre a tradición e a innovación. No canto de escoller entre conservación ou produción, propón unha vía intermedia: un uso sustentable, baseado no coñecemento, que reactive o valor ecolóxico e económico do monte. A través da integración de técnicas como a tracción animal, procesos como a pirólise ou materiais como os biocomposites, constrúese un modelo de bioeconomía rural pensado para perdurar no tempo, expandirse e adaptarse a novos escenarios. Ciencia, territorio e cooperación institucional aliñanse nunha experiencia que converte o reto forestal nunha oportunidade de futuro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *