A Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo investiga como certificar os valores inmateriais e espirituais dos bosques
Investigadores da EE Forestal desenvolven unha metodoloxía dirixida a certificar valores inmateriais dos bosques que porán a proba en masas forestais do Camiño de Santiago
A conservación dos bosques implica numerosos beneficios, aos que se suman outros de carácter inmaterial como os ligados ao lecer e benestar do ser humano. Investigadores da Escola de Enxeñaría Forestal de Vigo traballan no desenvolvemento dunha metodoloxía dirixida a certificar os valores inmateriais ou espirituais ligados aos bosques, que tratarán de pór a proba en masas forestais ligadas ao Camiño de Santiago. O grupo de investigación AF-4 conta coa axuda á innovación do IV Plan Social Ence Pontevedra.
Enrique Valero, o investigador principal, indica que se trata de “conseguir nun futuro unha certificación forestal dos bens inmateriais e intanxibles dos bosques”. O proxecto toma como punto de partida os Criterios da Xestión Forestal Sustentable, definidos na conferencia interministerial do Helsinqui. O obxectivo principal deste proxecto é o desenvolvemento dunha metodoloxía que garanta “a consideración de aspectos sociais, culturais e espirituais que as masas arbóreas proporcionan aos usuarios que as visitan”. Para logralo deberán definir un conxunto de indicadores que permitan avaliar se unha masa forestal ou un tramo de bosque cumpren unha serie de criterios que permitan recoñecelos “como de excelencia” a través dunha certificación, do mesmo xeito que outros produtos derivados dos bosques son recoñecidos con certificacións como PEFC.
“Temos que propor indicadores e ver en que medida se poden computan”, explica Valero. A idea é valorar aspectos ligados á calidade, á paisaxe ou o lecer, o que fará que sexa preciso avaliar, engade, unha ampla serie de aspectos, desde a calidade do aire á propia “experiencia emocional”, pasando polas “experiencias cume nas visitas aos bosques” ou porque non existan “elementos distorsionadores”, visuais ou acústicos, no treito a certificar, senón que se trata “dunha contorna paisaxística de calidade”.
Tratarán de vinculalas co Camiño de Santiago, no que se insiren “percorridos a través das masas forestais que teñen multitude de usuarios, aos que tes dalgunha maneira que garantir a sustentabilidade desa experiencia”, apunta Valero. Nese sentido, a idea é tratar nun primeiro termo, de aplicar a metodoloxía “en masas forestais xestionadas por Ence, se pode ser, próximas ou na contorna dos Camiños de Santiago”. O obxectivo final, engade, é tratar de xerar “unha metodoloxía replicable” e aplicable no futuro aos diferentes tipos de masas forestais, ou que, como recolle a memoria do proxecto, contribuiría tanto á súa conservación, como á xeración de emprego e ao desenvolvemento das zonas rurais.