A Escola de Enxeñería Forestal da Universidade de Vigo estuda accións para reducir grandes incendios no Baixo Miño
A través dun proxecto europeo, investigadores traballan coas comunidades de montes para definir as áreas nas que traballar con implicación dos axentes locais
O proxecto europeo Firepoctep+, liderado pola Escola de Enxeñería Forestal da Universidade de Vigo, busca tanto identificar, ao longo da fronteira entre España e Portugal, unha serie de puntos clave na loita contra os grandes lumes, como definir que accións preventivas poden levarse a cabo nestas áreas coa implicación dos axentes locais.
Investigadores da escola mantiveron un encontro con comunidades de montes e propietarios forestais do Baixo Miño para presentarlles as “zonas estratéxicas de xestión” identificadas nesta comarca no proxecto previo e os resultados das simulacións realizadas. Este traballo amosa como a realización de actuacións preventivas nestes puntos supoñen unha “modificación do patrón do lume” no conxunto da comarca, como explica o director en funcións da escola, Juan Picos, investigador principal deste proxecto europeo.
Un dos obxectivos de Firepoctep + é contribuír á mobilización de recursos endóxenos con valor preventivo, consolidando unha “rede de cortalumes produtivos”. Coa participación de 17 institucións e entidades dos dous países, dá continuidade ao traballo realizado no proxecto previo Firepoctep. Entre as metodoloxías que empregaron, destacan a desenvolta por investigadores da EE Forestal a partir do uso de simuladores de incendios, modelos de combustible e cartografías con datos obtidos por imaxes por satélite e con tecnoloxía LiDAR.
Nas simulacións realizadas aplicaron roza do mato por debaixo do arborado e valoran outra opcións, como queimas prescritas
Esta metodoloxía foi posta en práctica no Baixo Miño, onde tras a realización de 2800 simulacións do comportamento dos lumes con diferentes condicións meteorolóxicas, identificaron unha serie de zonas, que representan entre o 5 % e o 7 % do territorio forestal da comarca, para logo avaliar como se comportarían os lumes tras unha actuación nestes puntos.
Durante a xornada celebrada en Tomiño, os investigadores presentaron os resultados, “na que simulamos a situación antes e despois dos tratamentos, analizamos como cambia o patrón de propagación a escala de paisaxe e onde diminúe a intensidade do lume e a lonxitude da chama, o que fai aumentar ademais a eficacia e seguridade da intervención dos operativos”, explica Picos, que presentaba estes resultados xunto ás investigadoras Laura Alonso e Thais Rincón. Na xornada participou así mesmo a investigadora do proxecto e vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade, Maribel Doval.
Picos indica que “seleccionamos algunhas zonas para ir máis ao detalle, e explicámoslles o que podería facerse nelas” e engade que as simulacións se realizaron incluíndo como variable unha “modificación básica”, como sería a roza do mato por debaixo do arborado. Mais sobre o terreo, poderían levarse a práctica outra serie de opcións, desde queimas prescritas ata promover nesas zonas estratéxicas pastos ou cultivos. Neste punto, o propósito do encontro era abordar cos participantes a posibilidade de levar a cabo “algunha actuación específica”, xa que o proxecto prevé “facer algunha proba nestas áreas”. Mais tamén, explica Picos, identificar posibles limitacións ou restricións á hora de impulsar un tipo de actuacións que supoñen “un cambio de paradigma” en materia de prevención de incendios forestais.
Financiamento
O proxecto está cofinanciado pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feder), no marco do Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg VI-A España Portugal 2021-2027 (POCTEP). Con actuacións ao longo de toda a raia hispano-portuguesa e financiado con 3,3 millóns de euros, o comité de seguimento do programa Interreg España-Portugal (POCTEP) designaba recentemente Firepoctep+ como proxecto de importancia estratéxica para este programa, resaltando a súa contribución clave para alcanzar os obxectivos do programa e as prioridades da Comisión Europea.