A procura de alta calidade xenética para o piñeiro radiata de Galicia
A Fundación Arume inicia a selección de material xenético para novos campos de pés nai de piñeiro radiata
O Grupo Operativo Piña, que ten por obxectivo a multiplicación vexetativa de planta forestal de piñeiro mellorado, está a arrancar os traballos do proxecto, que se desenvolverá ata o ano 2026. Nestes primeiros meses, estase a facer unha selección de material xenético de piñeiro radiata (‘Pinus radiata’) para a instalación de campos de pés nai. Estes novos campos de pés nai complementarán ós xa existentes de piñeiro do país (‘Pinus pinaster’), que tamén se seguirán desenvolvendo no marco do proxecto.
A cuestión é que a cantidade de planta forestal mellorada que está dispoñible para a reprodución convencional a partir de semente é de todo insuficiente para satisfacer a demanda a curto prazo. Por ese motivo, a Fundación Arume, a través do Grupo operativo Piña, está a emprender a multiplicación vexetativa do material de alta calidade xenética por medio de campos de pés nai.
Aos campos de pés nai de ‘Pinus pinater’ xa instalados nos últimos anos sumaranse este ano novos campos de pés nai de piñeiro radiata. O primeiro paso para iso é a selección do material xenético a reproducir, unha selección que executará o Centro de Investigación Forestal de Lourizán a partir das sementes recolectadas e dispoñibles por parte da Dirección Xeral de Ordenación e Planificación Forestal.
Unha vez instalados os novos campos de pés nai en catro viveiros galegos, o que se fará esta primavera, recolectaranse periodicamente estaquillas para o seu posterior enraizado. Esas estaquillas servirán nun primeiro momento para ampliar os campos de pés nai e para a plantación en monte de parcelas demostrativas. O obxectivo último é incrementar a produción de planta comercial a nivel operativo, co obxectivo de lograr en poucos anos unha oferta de 5 millóns de plantas de piñeiro mellorado, entre piñeiro radiata e piñeiro do país (`Pinus pinaster’).
Este primeiro semestre do 2024, os traballos céntranse na posta en marcha de novos campos de pés nai nos viveiros participantes na iniciativa (Costa de Lóngaras, Hifas Foresta e Viveiros San Mamede), co asesoramento de Tragsa, con viveiros en Maceda (Ourense), e da Cooperativa de Mejoramiento Genético Forestal de Chile, coa que a Fundación Arume ten un acordo de colaboración.
A obtención de planta mellorada oriéntase a lograr plantas con máis resistencia a enfermidades e tamén a mellorar a produtividade e calidade dos produtos madeireiros. En consecuencia, aumentará a rendibilidade dos montes de piñeiro para os propietarios forestais. Isto contribuirá a recuperar o interese dos silvicultores galegos polo cultivo das coníferas.
Sobre o grupo operativo Piña
O Grupo Operativo Piña está financiado pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), con aportación económica de Fondos Feader (UE), e conta coas seguintes entidades socias: Fundación Arume, Viveiro Costa de Lóngaras SLU, Hifas Foresta SL, Viveiros San Mamede SL, Asociación Forestal de Galicia, Asociación Sectorial Forestal Galega, Dirección Xeral de Ordenación e Planificación Forestal (Xunta de Galicia), Centro de Investigación Forestal de Lourizán, Tragsa e Cooperativa de Mejoramiento Genético Forestal de Chile.