A transformación dos montes veciñais en Galicia no século XX

Un estudo do profesor da USC Damián Copena analiza as transformacións socio-ecolóxicas e as resistencias en Ponteareas ao longo do século XX

Imaxe de arquivo.

Damián Copena, profesor da Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC, elaborou un artigo titulado ‘«No había más que tojos». Transformaciones socioeconómicas y resistencias en el monte vecinal de Galicia durante el siglo XX’, onde trata o cambio dos sistemas socio-ecolóxicos dos montes veciñais durante o século pasado, centrándose no caso de Ponteareas.

O estudo, publicado en Áreas. Revista Internacional de Ciencias Sociales, explora os cambios xerados pola forestación promovida pola Administración pública. En Ponteareas, as plantacións de especies de crecemento rápido iniciáronse en 1911 coa creación do viveiro forestal de Ribadetea, anos antes da chegada do franquismo.

O forestalismo forzado, impulsado polo Patrimonio Forestal do Estado durante o franquismo, con plantacións de piñeiros e eucaliptos, provocou unha transformación rápida do monte veciñal, “disociando definitivamente o complexo agro-monte”, segundo o profesor.

“Estes feitos provocan diferentes procesos de resistencia, orixinados dende a poboación local que ve limitado o uso dun recurso vital para o mantemento do sistema agrario”, engade Copena.

Damián Copena, que tamén é membro do Grupo de Estudos de Historia Empresarial e Sectorial. Pesca, Industria Comercio e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais, fai unha análise dos procesos de recuperación dos montes veciñais de Ponteareas a finais dos anos setenta e principios dos oitenta.

Indica que “esta recuperación non está exenta de conflitividade veciñal, con diferentes protestas e movementos organizados, contando coas resistencias por parte da administración local, que trata de dificultar o proceso”.

O traballo destaca as dificultades que afrontan as comunidades locais para recuperar os terreos colectivos, nun contexto que favorece a sinatura de convenios coa administración autonómica para manter o ciclo forestalista, valora.

A finais do século XX, os montes veciñais convértense nunha ferramenta de xestión colectiva que xera recursos económicos para as aldeas, impulsando o emprego e fortalecendo o uso social, como se observa nos casos das comunidades de montes de Ponteareas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *