A Universidade de Vigo impulsa cinco proxectos financiados polo V Plan Social Ence
A investigación centrarase nos beneficios dos bosques, a biodiversidade e a inclusión a través do deporte

Participantes no acto na biofábrica de Ence. / Imaxe de Ence.
Os investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo desenvolverán cinco proxectos no 2025 grazas ao financiamento do V Plan Social Ence Pontevedra. Dúas das liñas centrais destes proxectos son os beneficios físicos e mentais que ten pasar tempo en zonas boscosas ou o deporte como elemento de inclusión.
A biofábrica de Ence acolleu os actos de entrega das axudas aos diferentes colectivos e entidades beneficiarias. A empresa destinou tres millóns de euros para apoiar 286 proxectos en áreas como a loita contra a exclusión social, a recuperación e coidado da contorna, a educación e a cultura, o emprendemento e a innovación e o deporte de base.
Os beneficios intanxibles dos bosques
O grupo de investigación AF-4 da Escola de Enxeñaría Forestal traballa nun proxecto pioneiro sobre os beneficios inmateriales que os bosques achegan ao ser humano. Nunha fase anterior, desenvolveron unha metodoloxía para certificar os servizos ecosistémicos de carácter social, cultural ou espiritual.
Na segunda fase do proxecto, o equipo explica que o obxectivo é “testar e valorar a idoneidade” desta metodoloxía a través dunha serie de traballos de campo. O obxectivo final é incorporala ao sistema PEFC-Plus Servizos Ecosistémicos.
Ademais, o grupo FS1 da Facultade de Fisioterapia levará a cabo un estudo para avaliar os efectos da exposición a contornas forestais na regulación do sistema nervioso autónomo.
A investigación busca determinar se a crecente afluencia da cidadanía urbana a espazos naturais se traduce en “beneficios reais e medibles en materia de saúde e benestar”. Ademais, a investigación busca analizar se eses posibles beneficios para a saúde física e mental están relacionados coa “calidade das masas forestais”.
O papel da alimentación das abellas na biodiversidade
Coordinado pola catedrática da Facultade de Ciencias do campus de Ourense, Carmen Seijo, outro dos proxectos financiados centra a súa atención nos “recursos de pole” dispoñibles para as abellas en zonas forestais costeiras, especialmente en eucaliptais.
Como explica Seijo, estudos previos indican unha “crecente tendencia á desaparición de colonias de abellas melíferas en todo o mundo”, e un dos factores relacionados con esta problemática é a “calidade nutritiva” e diversidade do pole ao que poden acceder.
A investigación levará a cabo ensaios de campo en Marín, Poio e Pontevedra. O obxectivo é facer un “seguimento das fontes de pole que as abellas obteñen da contorna”, coa idea de propor “medidas de acción que incrementen estes recursos”.
Deporte, actividade física e inclusión
O grupo que coordina o catedrático José María Cancela dá continuidade a unha liña de traballo que naceu na edición anterior sobre as posibilidades que ten o uso da realidade virtual inmersiva para facilitar que persoas con párkinson realizasen exercicios de forma segura.
Agora, o seu novo proxecto centrarase na aplicación dun programa de exercicio terapéutico para persoas con síndrome de Down, co obxectivo de mellorar a súa “condición física e calidade de vida”, así como promover a súa “integración e igualdade de oportunidades”.
O proxecto coordinado pola investigadora Montse Vázquez do grupo CP2 da Facultade de Comunicación, está vinculado á Cátedra de Idadismo da Universidade de Vigo. Este estudo busca analizar a capacidade do deporte como “elemento de inclusión”, abordando discriminacións por razón de idade, raza ou xénero.
Para iso, analizarán a estrutura e funcionamento de diversas entidades deportivas locais, identificando os “valores asociados a cada deporte” como sinala Vázquez. Ademais, contemplan a posibilidade de promover tamén “algunha actividade ou acción formativa” para fomentar a integración a través do deporte.