A xestión de lumes non estacionais demostra un efecto positivo na paisaxe

Unha investigación aborda os lumes non estacionais na rexión portuguesa do Alto Miño, na que se manteñen prácticas ilegais que, cun axeitado manexo, xerarían beneficios no medio

Gando en pastoreo mentres se fai unha queima prescrita para renovación do pasto no Alto Miño (2015). Autor: E. Oliveira

Nunha investigación encabezada por Emanuel Oliveira, doctorando do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC (Lugo), que contou coa colaboración de investigadores da USC, da Universidade de Trás Os Montes e Alto Douro e da Universidade de Évora, fíxose unha diferenciación entre os lumes estacionais, que se producen na época de máis calor e arrasan anualmente milleiros de hectáreas, e os non estacionais, que se producen o resto de ano (outono, inverno e primavera), que son moito máis pequenos e permiten xestionar o combustible, pero que necesitan un adecuado control e xestión. O investigador recalca que este estudo centrouse no Alto Miño, unha rexión fronteiriza de Portugal con Galicia, pero sinala que é unha situación común a Portugal e Galicia.

Oliveira explica que hai unha diferenciación entre incendios, que son aqueles lumes nos que hai unha intervención dos dispositivos de extinción, e os outros lumes que son os que non están rexistrados por non existir intervención, acabando por autoextinguirse. Así mesmo, estes últimos ocorren fóra da estación estival, maioritariamente no inverno. Ademais, recalca que tamén hai diferenza entre os tipos de combustibles nos que inciden, eque isto vén marcado pola ocupación do chan nos diferentes territorios e a recurrencia dos lumes estacionales e non estacionais.

Os lumes non estacionais son ilegais pero teñen un carácter selectivo sobre zonas de matogueira

Os lumes non estacionais teñen aspectos concretos nesta área do Alto Miño porque “son máis selectivos e inciden esencialmente en zonas de matogueira. Normalmente, aínda que ilegal, realízanse para a renovación do pasto para gando ou caza. Estes son normalmente moi pequenos e con menor recurrencia, en comparación cos incendios forestais”.

O traballo abarca o periodo entre os anos 2000 e 2018. O estudo destaca que os lumes non estacionais afectan máis a zonas de matogueira e menos a zonas de arborado: “Cando incide nestas últimas zonas, as árbores que máis sofren son os piñeiros. Pola contra, non afecta a zonas asociadas a carballeiras”.

Cando se fala de incendios estacionais, o investigador aclara que “xa non son tan selectivos” e arrasan por onde pasan. Oliveira expón que outro dato que observaron é o cambio dos tipos de combustible no territorio. “Tiñamos amplos territorios con piñeirais e coa recurrencia dos lumes, en particular do período estival, resultaron en piñeirais rexenerados que se perderon máis tarde para matogueiras. En moitas zonas do Alto Miño, os incendios acabaron con estas áreas e instaláronse os eucaliptos, en particular pola súa resiliencia ao paso do lume. É dicir, houbo unha substitución de piñeiro e matogueira por eucalipto”.

Superficie queimada por lumes non estacionais sen afectar ao arborado (2015). Autor: E. Oliveira


A chegada de especies invasoras

Aínda que os lumes non estacionais teñen un papel esencial na conservación das paisaxes, é importante unha adecuada regulamentación e unha maior xestión. “Son máis pequenos e de baixa intensidade, pero requiren condicións e control que permitan que sigan mantendo as paisaxes en mosaico, porque no verán os grandes incendios xa arrasan con enormes terreos e levan a paisaxes máis homoxéneas”.

“O aumento dos incendios estacionais recorrentes conducen a un tipo de combustible onde se integran as especies invasoras, principalmente acacias”, puntualiza o investigador. Esta chegada de especies invasoras prodúcese, principalmente, en zonas costeiras do territorio do Alto Miño, marcado por grandes incendios que se repiten en intervalos de 5 a 10 anos.

Entre tanto, “no interior, temos un cambio de combustible forestal que está asociado sobre todo ao abandono agrícola, que dá orixe a carballos, ameneiros e salgueiros”, aclara.

O investigador apunta a necesidade de actuación nas zonas de asentamento das invasoras exóticas. “Responden aos incendios dunha forma máis rápida e condicionan ás nosas especies, que están a perder o seu territorio”. Así mesmo, expándense a gran velocidade e “coas alteracións climáticas que temos, que facilitan a súa invasión, é un problema real que afecta tanto a Portugal como a Galicia”.

Os beneficios dos pequenos lumes non estacionais

“A diferenza entre Galicia e Portugal é que no territorio galego todos os lumes son apagados, mentres que en Portugal aínda se manteñen os pequenos lumes de outono, inverno e inicios de primavera, pese á súa ilegalidade. Isto permite manter a paisaxe mosaico”, expón o investigador. Explica que as zonas de xesta son as que máis se queiman no inicio do outono, antes da entrada das primeiras choivas, principalmente porque permite máis facilmente a conversión en pastos. O lume tamén ten por fin escorrentar o lobo e o xabaril, que son dous problemas que teñen os agricultores e gandeiros coa produción de gando en réxime extensivo.

Unha tese do traballo é que os lumes pastorais deberían estar permitidos pero controlados desde as institucións. Ponse como exemplo Cantabria, onde as queimas, definidas por lei como simplificadas, son levadas a cabo por gandeiros, pastores, agricultores ou persoas que viven en zonas do rural, mentres que as que están enfocadas para dar resposta aos incendios, para xestión de combustible, son realizadas por técnicos, xa que queiman superficies máis amplas e necesitan de medios de control específico.

Queima prescrita para renovación de pasto (2021). Autor: E. Oliveira

Oliveira apunta que é necesario que os lumes prescritos que levan a cabo desde a Xunta, no caso de Galicia, dean resposta á xestión do combustible, pero que tamén respondan ás necesidades dos axentes locais que residen na zona. “Estes lumes institucionais non teñen que queimar moitas hectáreas nunha soa acción, nun só día, que non é o que quere o gandeiro. Os pastores ou gandeiros e apicultores necesitan pequenas manchas executadas durante varios días por un determinado período que, ao final, lles achegará unha adecuada superficie e con diversidade de flora que lles serve para alimentar ao seu gando”. Por iso, suxire que as queimas prescritas se axusten aos sectores gandeiros e cinexético, e para iso “é necesario unha maior formación e dispoñibilidade dos técnicos”.

Conclúe afirmando que os pequenos lumes “son necesarios para a conservación de certos hábitats, pero é preciso que haxa un equilibrio e que desde as institucións teñan unha maior capacidade de xestión e de resposta ás comunidades rurais”.

Comments are closed.