Potencial do chopo, gran produtor de madeira e capturador de carbono
Unha tese de doutoramento subliña como as plantacións de chopo xestionadas en alta densidade e quenda curta acadan unha alta produtividade nun curto período de tempo
A tese de doutoramento da enxeñeira Alicia Fuertes Sánchez conclúe que as plantacións de chopo xestionadas en alta densidade e quenda curta acadan unha alta produtividade nun curto período de tempo. Ademais, considera que obteñen bo resultado na produción de biomasa, aproveitable pola industria, e a captura de carbono a curto e medio prazo. Son dous dos parámetros que se antollan como piares fundamentais para avanzar cara a unha bioeconomía baixa en carbono.
Fuertes Sánchez, quen forma parte do grupo Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible (Uxafores) da USC, levou a cabo a tese baixo o título ‘Avaliación do potencial das plantacións de chopo de quenda curta para unha bioeconomía baixa en carbono: modelización da biomasa lignocelulósica sustentable e reservas de carbono en condicións de limitación de auga’. Esta investigación está dirixida por Nerea Oliveira Rodríguez, Roque Rodríguez Soalleiro e Hortensia Sixto Blanco. A súa finalidade é mellorar as provisións de biomasa na zona mediterránea mediante un modelo sensible ao clima, que teña en conta condicións de rega tanto óptimas como restritivas.
Dentro da propia investigación inclúese unha análise económica que identifica os custos operativos máis relevantes e cuantifica un dos servizos ecosistémicos máis solicitados na actualidade, como a captura de carbono. A investigadora destaca que as súas achegas buscan optimizar a eficiencia das plantacións, ao tempo que ofrecen sólidas ferramentas de xestión adaptadas ao contexto do cambio climático e ás demandas do mercado.
A investigación foi presentada na EPS de Enxeñaría do Campus Terra e encádrase no proxecto RTA: ‘Biomasa para a bioeconomía, producir, cuantificar e valorar cultivos forestais’. Trátase dunha iniciativa de I+D que posibilitou unha estreita colaboración entre diferentes entidades, tales como son o Instituto de Ciencias Forestais (INIA-CSIC) e o Uxafores da USC.