Balance do proxecto PICARE: a resina galega posiciónase como un produto de alta calidade
O sector resineiro galego, cunha longa tradición na rexión, enfróntase a novos desafíos nun mercado globalizado. A competencia das resinas sintéticas e a necesidade de adaptarse ás demandas da industria moderna requiren dun esforzo constante de innovación.
Neste contexto, o Grupo Operativo PICARE, formado por un consorcio de empresas, universidades e centros de investigación, e co apoio da Asociación Europea de Innovación (AEI) e o FEADER, culminou con éxito o proxecto “Revalorización dos piñeirais galegos a través da calidade da resina”. Este proxecto ofrece resultados que prometen impulsar a modernización e a competitividade do sector.
PICARE reuniu a un equipo multidisciplinar cun obxectivo común: mellorar a calidade da resina de ‘Pinus pinaster’ e optimizar a súa aplicación na industria. A colaboración entre Sinerxias Sostibles Resiforest, S.L.U. (Foresin), a Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC), Roberto Alfonso Touza Rodríguez, Xagoaza Pinaster, S.L., a Fundación Centro Tecnolóxico Forestal e da Madeira (CETEMAS) e Grupo Tragsa permitiu abordar a investigación desde diferentes perspectivas, combinando a investigación científica coa aplicación práctica na industria.
Investigando a resina
Para comprender mellor os factores que inflúen na calidade da resina, PICARE levou a cabo un estudo exhaustivo da composición química da resina de ‘Pinus pinaster’, analizando como a xenética das árbores e o ambiente onde crecen inflúen nas súas propiedades.
• Técnicas de microresinación: Utilizáronse técnicas de microresinación para obter mostras de alta calidade sen danar as árbores. Este método, que consiste en realizar pequenas incisións na casca e instalar dispositivos especiais para colleitar a resina, permite unha análise precisa da composición química sen afectar a saúde do piñeiro.
• Cromatografía de gases: As mostras de resina analizáronse mediante cromatografía de gases, unha técnica que permite separar e identificar os diferentes compoñentes da resina: monoterpenos, sesquiterpenos e diterpenos. Estes compostos teñen diferentes propiedades e aplicacións na industria, polo que coñecer a súa concentración é clave para determinar a calidade e o valor da resina.
Variabilidade xenética
O estudo analizou 14 poboacións diferentes de ‘Pinus pinaster’ en Galicia, representativas de distintas rexións de procedencia desta especie no suroeste de Europa. Os resultados revelaron unha variabilidade xenética significativa na concentración de terpenos, o que significa que a composición da resina varía entre as diferentes poboacións de piñeiros.
Esta variabilidade xenética abre a posibilidade de seleccionar materiais xenéticos con características específicas para obter unha resina cunha composición química determinada e adaptada ás demandas do mercado.
Por exemplo, observouse que as poboacións da Serra de Guadarrama e a Serra de Cuenca presentan maiores concentracións de α-Cubebeno e Longifoleno, sesquiterpenos con propiedades antimicrobianas e antiinflamatorias que poderían ter aplicacións na industria farmacéutica ou cosmética.
Influencia do ambiente
Ademais da xenética, o proxecto PICARE tamén analizou como inflúe o ambiente no que crecen os piñeiros na composición da resina. Observouse que o estado fitosanitario das árbores, é dicir, a presenza ou ausencia de pragas e enfermidades, pode afectar á produción de terpenos.
En concreto, detectouse que nas zonas con maior presencia de pragas, os piñeiros producen unha maior concentración de β-pineno, un monoterpeno con propiedades insecticidas. Este achado suxire que os piñeiros poderían aumentar a produción de β-pineno como mecanismo de defensa fronte ás pragas.
Trasladado ao sector resineiro
Este achado sobre a relación entre o estado fitosanitario e a concentración de β-pineno abre novas vías de investigación para o sector resineiro. Por exemplo, poderíase estudar se os piñeiros con máis caras resinadas, que poderían experimentar un estrés similar ao dun ataque de pragas, tamén presentan unha maior concentración de β-pineno na súa resina.
De confirmarse esta hipótese, poderíase explorar a posibilidade de orientar a resina con maior contido de β-pineno cara a usos específicos onde este composto sexa especialmente valorado, o que podería xerar un mercado diferenciado e un maior valor engadido para a resina galega. Con todo, é necesario seguir investigando para confirmar estas hipóteses e coñecer con maior detalle as características da resina galega en función da súa localización, procedencia e manexo forestal.
Análise do mercado das resinas naturais
A análise do mercado das resinas naturais, realizado mediante entrevistas e cuestionarios a empresas de Galicia, España e Portugal, permitiu identificar as propiedades máis valoradas pola industria. Para a industria de primeira transformación, a pureza da resina, a cor, o contido de α-pineno e β-pineno son factores crave, mentres que, para a industria de segunda e terceira transformación, o punto de rebrandecemento é crucial.
Sabemos, en función de datos obtidos doutros proxectos como o ACREMA, que a resina en bolsa presenta mellores valores de pureza, entendendo esta como unha menor concentración de impurezas e menor contido en auga, así como unha cor segundo escala Gardner máis baixo, o cal lle confire máis valor á resina que se extrae en bolsa fronte á do pote aberto.
Por que entón o prezo da resina segue sendo o mesmo para a industria de primeira transformación? É unha cuestión de ter a industria adaptada a este novo método de extracción? Ou todo se centra no destino final ao que se destina a resina destilada?… como vedes, segue habendo cuestións ás que dar resposta.
Certificacións
Ademais, constatouse a importancia crucial das certificacións de orixe, calidade e sustentabilidade. Estas certificacións non só aumentan o valor engadido das resinas naturais e xeran confianza no consumidor, senón que tamén permiten coñecer a procedencia e rastrexabilidade do produto, favorecendo o consumo de resina local. Isto cobra especial relevancia nun contexto onde a falta de resineiros é un dos principais desafíos do sector.
Fomentar o uso de resina local para diversas aplicacións require unha produción constante nos nosos montes. Para logralo, é fundamental que o sector se oriente cara a usos de maior valor engadido, o que permitirá xerar maiores prezos de mercado e, en última instancia, poder pagar salarios máis atractivos aos resineiros. Desta forma, poderase atraer a máis persoas ao traballo no monte e asegurar a continuidade desta actividade tradicional.
Tecnoloxía NIRs
O proxecto PICARE explorou o potencial da espectroscopía no infravermello próximo (NIRs) como ferramenta para a análise rápida e non destrutiva da resina. Esta tecnoloxía ofrece múltiples vantaxes: rapidez, non destructividade, versatilidade e posibilidade de análise in situ.
A tecnoloxía NIRs ten un gran potencial para a industria resineira, xa que pode ser utilizada para o control de calidade, a clasificación da resina e a optimización da produción.
Nun sector de futuro, a técnica NIRs sería unha ferramenta moi importante para os resineiros, permitíndolles coñecer as características da súa materia prima para negociar o prezo de venda e determinar o seu uso.
A pesar das grandes vantaxes que ofrece a tecnoloxía NIRs, aínda existen desafíos que é necesario abordar para optimizar a súa aplicación no sector resinero. Un deles é o desenvolvemento de modelos de predición robustos que permitan analizar con exactitude a composición da resina.
Outro desafío é controlar a influencia de factores externos que poden afectar os resultados da análise. O proxecto PICARE continuou co traballo iniciado no proxecto ACREMA, sentando as bases para a aplicación da tecnoloxía NIRs na análise da resina.
Aínda que se conseguiron resultados prometedores, como a predición da concentración de β-pineno, a fiabilidade dos modelos de predición aínda debe mellorarse. Ademais, observouse que a tecnoloxía NIRs non funciona de igual maneira para todos os parámetros da resina, e que os resultados non son tan exactos cando se analiza resina extraída mediante macroresinación en ensaios de campo, debido á heteroxeneidade da mostra.
En definitiva, a tecnoloxía NIRs presenta un gran potencial para o sector resineiro, pero aínda require de investigación e desenvolvemento para optimizar a súa aplicación e asegurar a fiabilidade das análises.
Perspectivas de futuro
Os resultados de PICARE constitúen un punto de partida para futuras liñas de investigación, como o desenvolvemento de novos produtos con valor engadido, a optimización dos procesos de extracción e transformación da resina, e a avaliación do ciclo de vida dos produtos baseados en resina.
Podemos concluír que o proxecto logrou avanzar significativamente na caracterización e valorización da resina, abrindo novas oportunidades para o desenvolvemento de produtos sostibles e competitivos baseados neste recurso natural.
Máis información: https://picare.foresin.es
Financiamento
PICARE encádrase dentro das axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea de Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. O Grupo Operativo “Revalorización dos piñeirais galegos a través da calidade da resina” está financiado nun 100 % e foi dotado dunha cantidade de 178.000 euros para executar durante as anualidades 2022, 2023 e 2024.