Galicia participa en AF4EU, un programa internacional de asesoramento agroforestal

A iniciativa AF4EU é pioneira en intercambio de coñecemento que empezará a funcionar en 2025 cun programa que consistirá no desenvolvemento de capacidades de asesoramento e de técnicas agroforestais

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría acolleu en xuño a terceira xuntanza da rede de innovación galega na que se presentaron os módulos formativos de asesoramento agroforestal asociados a Galicia como parte do traballo desenvolvido noutras 11 zonas europeas no mesmo período

A través do proxecto de Sistemas Agroforestais para a Unión Europea AF4EU, a Rede de Innovación Rexional Agroforestal (RAIN) desenvolverá un programa de formación en materia de asesoramento agroforestal. Esta iniciativa nutrirase das achegas e innovacións xeradas ao amparo deste consorcio, integrado por un total de 11 Redes Rexionais europeas de Innovación en Sistemas Agroforestais (RAINs).

Este sistema formativo recolle a posta en común de diversas experiencias a través do continente europeo, “nunha proposta de intercambio de coñecemento inédita ata o de agora”, explica a coordinadora do proxecto e catedrática de Produción Vexetal da USC no Campus Terra, María Rosa Mosquera Losada. O proxecto AF4EU desenvólvese ao amparo do programa marco de investigación e innovación da UE, Horizonte Europa.

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría acolleu en xuño a terceira xunta da rede de innovación galega na que se presentaron os módulos formativos de asesoramento agroforestal asociados a Galicia como parte do traballo desenvolvido noutras 11 zonas europeas no mesmo período. O programa de asesoramento agroforestal iniciarase en 2025 e abordará desde técnicas de comunicación para construír e xestionar relacións profesionais, comprensión das dinámicas de grupo e manexo de problemas comúns; ata a elaboración de visións e obxectivos estratéxicos, a realización de análise DAFO (fortalezas, debilidades, oportunidades e ameazas); monitorización de tendencias; así como planificación, execución e control da implantación da estratexia; e ferramentas e métodos para xerar ideas e accións de innovación. Na parte de técnicas agroforestais, o programa complementará o libro “vivo” en liña Agroforestrynet.eu que incluirá temas sobre cadeas de valor no campo agroforestal.

A finalidade de AF4EU é a promoción de prácticas agroforestais excelentes a través do desenvolvemento dunha rede ampla e interactiva, impulsada pola innovación e que responda os intereses de todos os axentes implicados. Esta rede ou plataforma internacional colaborativa baséase no intercambio de experiencias prácticas de éxito e coñecementos de investigación existentes. De feito, recolle o coñecemento e boas prácticas en distintas rexións bioxeográficas no campo dos agroecosistemas e de cadea de valor de Europa para polas a disposición dos usuarios/as finais como é o caso dos e das profesionais da agricultura, silvicultura, asesoramento e lexislación, economía, ou sustentabilidade.

Este proxecto liderado desde a USC estenderase até o ano 2025 e atópase dotado cun financiamento de 2.996.460 euros.

Comments are closed.