Impulsan o valor da resina natural que se extrae dos montes galegos

Empresas e investigadores uníronse nun proxecto innovador a través do que se optimizará o proceso de destilación e promocionarase a súa alta calidade no mercado nacional e internacional


O Grupo Operativo RESFO (Resina, Fortalezas e Oportunidades de Mercado) pon en marcha o proxecto destinado a potenciar a industria resineira galega e mellorar a competitividade do sector. A finalidade é aumentar a rendibilidade dos montes galegos a través da mellora do aproveitamento resineiro, optimizando o proceso de destilación da resina en envase pechado. Ademais, posiciona a resina natural de Galicia como un produto de alta calidade.

A investigación está coordinada pola empresa coruñesa Foresin, dedicada á consultoría e enxeñaría medioambiental, especializada en xestión forestal e no aproveitamento resineiro. Participan tamén o Grupo para a Análise Empresarial da Universidade de Vigo; a empresa Xagoaza Pinaster (O Barco de Valdeorras), industria que transforma resinas naturais procedentes de bosques xestionados de maneira sostible; Glecex, firma biotecnolóxica especializada en extractos naturais para sectores como a alimentación, nutracéutica e cosmética, con sede en Tecnópole; e a Fundación Cetemas, centro tecnolóxico e forestal da madeira de Asturias. Cóntase ademais coa colaboración de Enyiris Design Thinking Lab, dedicada ao deseño e a programación, situada en Tecnópole.

Preténdese valorizar a trementina da resina no sector dos pesticidas ou como ingrediente base de aromatizantes en cosmética

O equipo vaise centrar na optimización do proceso de destilación da resina en envase pechado, co fin de lograr un maior rendemento e calidade no produto final. Por outro lado, determinarán a calidade da resina natural galega, para o que levarán a cabo unha caracterización exhaustiva da mesma, identificando os atributos que lle confiren un valor diferencial no mercado global. Ademais, o proxecto inclúe o deseño de estratexias de promoción específicas para dar a coñecer as vantaxes da resina que se obtén na nosa comunidade, fomentando a súa demanda tanto no eido nacional como no internacional.

Contempla así mesmo o desenvolvemento de novos produtos derivados da resina, que permitan reemprazar os derivados do petróleo en diversos sectores industriais. Así, preténdese valorizar a trementina da resina no sector dos pesticidas ou como ingrediente base de aromatizantes en cosmética, substituíndo compostos principais de orixe sintética e ofrecendo un produto 100 % bio.

O proxecto, que acaba de poñerse en marcha, terá unha duración de dous anos e foi presentado no Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole. Busca impulsar a industria resineira galega, destacando as súas vantaxes competitivas e contribuíndo ao desenvolvemento sostible dos nosos montes. Esta iniciativa recibiu apoio na última convocatoria de Axudas para a Execución de Proxectos Innovadores dos Grupos Operativos da Asociación Europea de Innovación, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) dentro do Plan Estratéxico da Política Agraria Común.

Comments are closed.