Intelixencia artificial para optimizar a extinción de incendios forestais en Galicia

O CITMAga participa nun proxecto que busca desenvolver algoritmos avanzados para optimizar a detección e xestión de incendios

Parte do equipo de investigación, liderado por María José Ginzo.

O Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), impulsado polas tres universidades galegas, aspira a converterse nun referente nacional e internacional, pois conta cun gran impacto nos ámbitos académico, social e económico, e cunha clara aposta pola transferencia de coñecemento á industria.

Este centro traballa desde hai varios anos en colaboración con compañías líderes, como é o caso da alacantina Avincis, o maior operador europeo de servizos aéreos de emerxencia, que realiza operacións de extinción de incendios, entre outros servizos. Os investigadores galegos colaboran coa empresa co obxectivo de mellorar a xestión dos incendios forestais.

Na actualidade ambas as empresas teñen en marcha un proxecto financiado pola Axencia Galega de Innovación, no marco da Civil UAVs Initiative, unha iniciativa estratéxica pioneira en Europa liderada pola Xunta de Galicia. A súa misión é xerar solucións e produtos que optimicen a prestación dos servizos públicos, facéndoos máis modernos e eficientes.

María José Ginzo, investigadora do proxecto con Avincis e profesora de Estatística e Investigación Operativa da USC, indica que están a crear “novos algoritmos específicos para optimizar a detección do perímetro do incendio, mellorar a planificación de medios aéreos, e a detección combinada de posicións de aeronaves e brigadistas”.

Con este proxecto tamén se logrou mellorar outros algoritmos desenvolvidos previamente para analizar a recorrencia de incendios, así como o cálculo da eficiencia das descargas de auga.

Evolución dun incendio en Galicia, dende antes do incendio ata 1080 días despois.

O proxecto busca mellorar a precisión na detección de incendios

Tal como explica a investigadora, “o obxectivo é mellorar a precisión na detección de incendios, a eficiencia dos recursos despregados e a seguridade das operacións”. Así mesmo, sinala que incorporaron melloras nos algoritmos existentes, optimizando a planificación de recursos, o cálculo das traxectorias e a análise de riscos de incendio.

O proxecto tamén busca crear un sistema automático que analice a variabilidade das pegadas das descargas de auga realizadas por aeronaves, avaliando así a eficacia das intervencións aéreas. María José Ginzo apunta que estas descargas “teñen como finalidade ir arrefriando a zona para que o incendio se extinga. Así, as pegadas das descargas permiten saber se o incendio evoluciona, cara onde o fai ou se vai diminuíndo”.

En relación a isto, estanse a desenvolver algoritmos que inclúen a creación de mapas de calor, detección en tempo real do perímetro e desprazamento do incendio e estimación de traxectorias de aeronaves. Ademais, planéase avaliar a eficacia das descargas de auga, integrar ferramentas para avaliar a rexeneración do terreo e xerar métricas clave que axuden a optimizar as operacións de extinción.

“Os resultados destes proxectos permitirán diminuír a extensión das áreas afectadas, incrementar a seguridade dos equipos de brigadas, mellorar a coordinación durante as operacións de extinción, ampliar o tempo dispoñible para intervir, engadir novos recursos aéreos na loita contra grandes incendios forestais e reducir os custos”, asegura a responsable do equipo do CITMAga.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *