Investigadores da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra transforman restos forestais en ‘biochar’ cun forno pirolítico de deseño propio
A Escola de Enxeñería Forestal é unha das socias do proxecto de innovación EcoChar, que busca acadar produtos cun alto valor engadido a través de especies forestais do territorio galego
O proxecto de innovación EcoChar busca acadar produtos cun alto valor engadido, empregando como materia prima especies forestais amplamente distribuídas no territorio galego, como o piñeiro, ou consideradas invasoras, como a acacia. Nesta iniciativa participan os investigadores do Laboratorio de Enerxías Xiloxeradas da Escola de Enxeñaría Forestal. Coordinado pola consultora ambiental Foresin, trátase dun proxecto seleccionado nunha convocatoria de axudas da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) da Xunta de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader), e nel participan tamén o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e a empresa Avícola O Marco.
Un dos seus eixos céntrase na fabricación, a partir de restos forestais, de biochar que poida ser empregado para a redución das emisións contaminantes das explotacións gandeiras.
EcoChar estenderase ata 2026 e dá continuidade ao grupos operativos Biofore e Biofore Plus, promovidos polos mesmos socios. O novo proxecto céntrase no traballo con restos forestais procedentes doutros aproveitamentos, “como son a cortiza e as estelas de piñeiro, así como coa acacia”, apunta Luis Ortiz, promotor dos traballos previos. Estes materiais foron empregados na escola para a obtención de biochar, un produto que presenta unha concentración de carbono fixo superior ao 50 %, con aplicacións enerxéticas e cunha elevada capacidade de absorción.
Un dos propósitos do proxecto é avaliar en que medida permite reducir as emisións de amoníaco, metano e óxido nitroso nas diferentes fases de xestión dunha gandería de vacún e de aves. Nas instalacións do CIAM avalíanse os efectos da súa aplicación nos niveis de emisións de gases contaminantes e de efecto invernadoiro, tanto no interior das naves como nas fosas de xurro. Por outra banda, avaliarase tamén o efecto da súa aplicación na mellora dos nutrientes do abono, xa que, como apunta Ortiz, ademais de “secuestrar carbono da atmosfera”, o biochar tamén pode contribuír “ao enriquecemento dos solos”.
Da escala doméstica á industrial
Producido ao someterse a biomasa a unha elevada temperatura nun ambiente en ausencia de osíxeno, o biochar co que traballa este grupo operativo foi xerado nun “forno pirolítico autónomo” de deseño propio, baseado nun sistema de dobre reixa previamente patentado por Ortiz. Como explica o investigador, este foi ideado coa idea de que este proceso puidese levarse a cabo en condicións facilmente reproducibles, “por pequenos empresarios ou particulares incluso”. De feito, coa idea de “simplificalo e de facelo máis eficiente” a unha primeira versión deste forno, na que se empregan restos forestais para xerar o calor necesario, súmase outra na que se usa gas butano, o que permite “ter unhas temperaturas máis regulables”. As probas realizadas en ambos casos cos tres materiais permitiron xerar un “biochar de calidade”, cunha porcentaxe de carbono fixo “de entre o 76 % e o 78 %”, sinala o catedrático. Así mesmo, este proceso de busca dun biochar “cunhas propiedades óptimas” abrangueu tamén a busca dun material con “moita flotabilidade”, de cara a poder empregalo “como filtro nas fosas”.
O proxecto busca acadar que biochar poida ter un rendemento absorbente
Por outra banda, outro dos aspectos nos que pon o foco EcoChar é “no desenvolvemento de técnicas de carbonización en diferentes contornas e escalas”, como apunta Ortiz. Con esa idea, nunha posterior fase seleccionarase un dos materiais xerados para probar a súa fabricación “dunha forma sistemática, a unha escala semindustrial”, empregando un reactor autotérmico de pirólese da empresa Mecanotraf.
O proxecto contempla tamén “fabricar biocombustibles sólidos e biofiltros”, así como tratar de acadar “que o biochar que estamos fabricando poida ter un rendemento absorbente, por exemplo de metais pesados ou de contaminantes líquidos, parecido ao do carbón activo”, co cal acadaríase un “produto de moi alta calidade”.