Investigan o uso dun extracto de camelia como remedio contra o patóxeno que apodrece as castañas
No proxecto, bautizado como Soutosan, participan a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, FEUGA, a IXP Castaña de Galicia e a empresa Fauna Útil SL
A Deputación de Pontevedra une forzas con outras tres entidades nunha investigación para mellorar o cultivo de castañas na provincia. O ente provincial achegará 70.000 euros a un proxecto que probará a efectividade dun remedio natural elaborado con sementes de camelias para acabar cun patóxeno que podrece os froitos do castiñeiro.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres a aprobación dun convenio de colaboración da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, en colaboración con outras tres entidades galegas, para investigar a eficacia dun remedio elaborado a base de sementes de camelias da provincia para acabar cun patóxeno que está a provocar a podremia dos cultivos de castaña na provincia.
É un remedio natural eficaz para acabar cunha enfermidade que agora mesmo non ten cura
“Gústame facer fincapé na importancia que neste goberno da Deputación damos á cooperación entre institucións e á colaboración público-privada para sacar adiante proxectos beneficiosos para a nosa economía e a nosa sociedade”, declarou o mandatario provincial para explicar o contido do convenio bautizado como Soutosan.
Trátase dun acordo de colaboración a catro anos, cun orzamento de 180.000 euros dos que a Deputación, a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, será a que máis fondos achegue (70.000 euros) e no que participan tamén Fauna Útil SL, Fundación Universidade Galega e IXP Castaña de Galicia.
Agárdase reducir entre un 60 e un 70% a incidencia de Gnomoniopse nos soutos
A iniciativa, que opta tamén a recibir fondos europeos polo seu carácter innovador no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común, ten como obxectivo dar cun tratamento biolóxico en forma de extracto natural e sostible. “É un remedio natural, de proximidade, eficaz e respectuoso co medio ambiente para acabar cunha enfermidade que agora mesmo non ten cura”, remarcou Luis López.
Os investigadores agardan que o proxecto sirva para reducir a incidencia deste patóxeno, chamado Gnomoniopsis smithogilvyi, nun 60% ou 70% coa aplicación deste extracto de camelia e, ao mesmo tempo, elaborar un mapa de risco desta enfermidade.