Novas metodoloxías para identificar xacementos arqueolóxicos que son puntos clave na prevención de incendios
Trátase do proxecto ‘Paleointerfaz’ da Escola de Enxeñería Forestal da Univesidade de Vigo que explorou a utilidade das tecnoloxías cartográficas nestes eidos e que puxo a proba a investigación no Baixo Miño
O proxecto de investigación Paleointerfaz, seleccionado na convocatoria de proxectos de I+D+i Retos de Investigación do Ministerio de Ciencia, céntrase en coñecer se a protección de elementos patrimoniais coma os petróglifos podería contribuír a diminuír os efectos dos incendios forestais. Investigadoras e investigadores da Escola de Enxeñería Forestal traballaron ao longo dos últimos tres anos no desenvolvemento dunha metodoloxía que permite identificar enclaves arqueolóxicos que á súa vez poderían conformar “áreas de xestión para a prevención” dos lumes.
A iniciativa abrangueu a caracterización da vexetación destes puntos, para logo coñecer, a través de simulacións, que efectos tería unha actuación sobre esta á hora de reducir a intensidade dos lumes. Esta metodoloxía púxose en práctica na comarca do Baixo Miño, na que identificáronse 39 “agrupacións con potencial estratéxico” para cumprir esa dobre función de preservación do patrimonio e prevención de incendios.
Segundo a profesora da Escola de Enxeñaría Forestal Julia Armesto, investigadora principal do proxecto, Paleointerfaz tiña como reto a busca de sinerxías entre “dous universos entre os que percibimos unha intersección”, a preservación de bens patrimoniais, que en Galicia poden atoparse en boa medida rodeados de vexetación, e os labores de prevención dos lumes. Co obxectivo de identificar “limitacións e sinerxías” nunha cuestión “que involucra múltiples axentes institucionais e sociais”, levouse a cabo unha enquisa, na que participaron 227 profesionais da xestión do patrimonio, a prevención e extinción de lumes e a xestión forestal, cuxos resultados foron presentados recentemente nunha xornada virtual. Estes permitiron constatar “consensos significativos” entre os sectores consultados en aspectos como que a seguridade dos visitantes aos xacementos pode verse afectada polos incendios e a necesidade de establecer medidas “como plans de prevención e de evacuación”, ou a identificación do pastoreo como “unha medida de control preventivo da vexetación”. Ao mesmo tempo, detectáronse tamén, como apunta Armesto, “oportunidades de mellora na cooperación” entre os diferentes axentes, ao existir “disparidade de criterios” respecto de cuestións como que medidas adoptar para a xestión de vexetación e a protección da contorna.
Concluído nestas semanas, no proxecto Paleointerfaz: elemento estratégico en la prevención de incendios forestales. Desarrollo de metodologías de análisis 3D y multiespectral para la gestión integrada participou un “equipo multidisciplinar” de expertos e expertas, entre os que se atopaban os investigadores da EE Forestal Juan Picos, Laura Alonso, Ana Solares e Thais Rincón, o coordinador do Máster Fuego, Domingo Molina, e o arqueólogo e profesor da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia Fernando Carrera.
Análise dos incendios que están por vir
Unha vez definidas as áreas, a seguinte fase centrouse na “realización de mapas de modelos de combustible, estruturas de vexetación tipo ás que se lles presupón un determinado comportamento fronte ao lume”, como explica Alonso. Empregando a metodoloxía desenvolvida na EE Forestal para o Inventario Forestal Continuo de Galicia, levouse a cabo unha “caracterización da estrutura e altura da vexetación”, que permite diferenciar entre zonas rochosas, de pasto, con matogueiras menores ou maiores dun metro, con restos de cortas e con arborado con ou sen continuidade horizontal, sendo esta última a maioritaria na zona de estudo.
Estes mapas de combustible permitiron estudar cal sería o posible comportamento dun lume nesta área. Realizáronse 2840 simulacións de incendios, dirixidas a coñecer os efectos que tería un hipotético lume durante oito horas, partindo de 355 “puntos probables de inicio” e de oito escenarios meteorolóxicos diferentes, que abranguen tanto “condicións típicas como atípicas”, seguindo a metodoloxía descrita no proxecto Firepoctep. Estas simulacións proporcionaron información tanto da velocidade e intensidade que alcanzaría o incendio como dos “camiños” polos que avanzaría. A análise destes datos permitiu comprobar que, “en condicións típicas”, as agrupacións avaliadas nesta área non sufrirían “incendios catastróficos, de máis de 2000 hectáreas”.
Estas simulacións permitiron tamén “identificar cales serían as zonas máis críticas”, das que seleccionáronse nove para levar a cabo novas simulacións, a partir dunha “modificación dos modelos de combustible”, que pasaba por “diminuír a intensidade e altura da matogueira ou diminuír a continuidade vertical na vexetación”. Con estes novos criterios, as simulacións amosaron como “cambia completamente a velocidade de propagación e diminúe a intensidade” dos lumes, tanto en condicións típicas como atípicas.