Xornada de peche do proxecto Natur-Smart, con visitas forestais a Piñor e Vilamarín

A creación da agrupación de xestión conxunta Entreoslameiros Lousado permitirá accións como a posta en marcha dunha silvicultura preventiva de incendios e a eliminación de especies invasoras

Visita a Agrupación Forestal Piñor. Cedida

Visita a Agrupación Forestal Piñor. Cedida


O proxecto Natur-Smart, enfocado a poñer en marcha diferentes modelos integrais de xestión agroforestal, desenvolveu este mércores 17 unha xornada de clausura en Galicia na que se incluiron dúas visitas, unha á agrupación forestal de xestión conxunta Entreoslameiros Lousado (Piñor, Ourense), que foi apoiada no marco do proxecto, e outra a Maderas Rubén (Vilamarín). Unha sesión de traballo en Amoeiro puxo o peche á xornada.

O proxecto ‘NATUR-SMART Conservación da biodiversidade a través de modelos de xestión agroforestal integrais e a creación de redes de tecido asociativo con enfoque de xénero’ está liderado pola Confederación de Organización de Selvicultores de España (COSE) e contou coa colaboración da Asociación Forestal de Galicia.

No marco do proxecto, en Galicia desenvolvéronse dúas experiencias piloto en Folgoso do Courel e Piñor. Na xornada do mércores 17, visitouse en Piñor unha das experiencias apoiadas, a agrupación forestal de xestión conxunta Entreoslameiros Lousado, coa que se trata de dinamizar o manexo dunha propiedade forestal marcada polo minifundio.

Coa creación da agrupación, posibilítanse accións como a posta en marcha dunha silvicultura preventiva de incendios e a eliminación de especies invasoras. A agrupación inclúe zonas de piñeiro do país de rexeneración natural e áreas de frondosas caducifolias, de interese tanto polos usos produtivos como polos servizos ecosistémicos que achegan, e que optarán a unha certificación de servizos ecosistémicos de biodiversidade.

Visita a Maderas Rubén. Cedida

Visita a Maderas Rubén. Cedida

O proxecto Natur-Smart conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *