O proxecto Firepoctep+ avanza na prevención dos incendios forestais da próxima década

O Museo de Pontevedra acolleu a presentación en Galicia do proxecto Firepoctep+ liderado pola Escola de Enxeñaría Forestal da UVigo e no que participan 17 institucións e entidades de España e Portugal


O Museo de Pontevedra acolleu a presentación en Galicia do proxecto Firepoctep+ liderado pola Escola de Enxeñaría Forestal da UVigo e no que participan 17 institucións e entidades dos dous países. Coa participación de máis de 40 representantes dos diferentes socios, esta xuntanza tiña como obxectivo a posta en común das tarefas que está previsto levar a cabo nos diferentes paquetes de traballo que se estenderán ata 2026.

“Non basta previr os incendios do próximo verán, debemos previr os incendios da próxima década”. Esta foi unha das ideas subliñadas na tarde deste luns polos responsables do proxecto Firepoctep+, que ten como obxectivo identificar zonas clave na prevención e diminución dos efectos dos grandes incendios nas zonas fronteirizas entre España e Portugal.

O director en funcións da EE Forestal, Juan Picos, encargouse de presentar as liñas centrais do proxecto, xunto cos coordinadores das diferentes actividades. Previamente, o encontro arrancou cunha benvida institucional na que participaron o reitor da UVigo, Manuel Reigosa,; o deputado provincial Roberto Carrero e o xefe provincial do Servizo de Prevención de Incendios Forestais da Xunta. A continuación, a reunión abriuse cun relatorio sobre a problemática dos incendios en Galicia e no norte de Portugal, a cargo de José Antonio Vega, exdirector do Departamento de Incendios do CIF Lourizán e exprofesor da EE Forestal.

Firepoctep+ ten entre os seus eixes de actuación a identificación de zonas estratéxicas de xestión en diferentes áreas piloto ao longo da fronteira. Trátase de puntos que resultan clave no comportamento dos grandes incendios e nos que unha actuación preventiva permitiría reducir a súa intensidade. Nese senso, ademais de localizalos, o proxecto abrangue tamén definir que accións poden levarse a cabo nestes puntos coa implicación dos axentes locais. A idea, explican os seus responsables, é que naqueles puntos estratéxicos nos que sexa necesario un cambio na vexetación, esta poida ligarse a actividades produtivas, como cultivos. De aí que un dos seus piares, como subliñou Picos, sexa o de “sementar intelixencia preventiva no territorio: saber dirixir as accións preventivas a aqueles lugares onde sexan máis eficaces” e conseguir implantar nestes “actividades produtivas que garantan o seu mantemento a longo prazo e reforcen o vínculo á poboación”.

Un dos obxectivos do proxecto é definir propostas de mellora que permitan superar diferencias lexislativas e de xestión

Outra das áreas de traballo é a formación dos operativos de extinción, tendo en conta o “cambio de estratexia” que suporía pór o foco nas zonas estratéxicas de xestión. “Non se necesitan heroes, necesítanse profesionais valorados, con coñecementos e medios adecuados, que poidan actuar con seguridade nun territorio preparado”, engadiu Picos. Nese senso, outro dos obxectivos do proxecto é definir propostas de mellora que permitan superar diferencias lexislativas e de xestión, xunto coa formación e sensibilización da poboación rural. “Paisaxe, paisanaxe e profesionais”, concluíu o responsable deste proxecto, constitúen “as tres pancas contra os grandes incendios forestais”.

Participantes do proxecto
Xunto á UVigo e ás entidades coordinadoras das diferentes liñas de traballo, neste proxecto participan tamén a Dirección Xeral de Defensa do Monte da Xunta de Galicia; Feuga, responsable das iniciativas de difusión; EnergyLab; as universidades de Huelva, Córdoba e Évora; a Deputación Provincial de Ávila; as comunidades intermunicipais da Rexión de Coimbra, Alto Minho e Algarve, a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Algarve e a Junta de Andalucía.

Boa parte destas entidades formaran previamente de Firepoctep, un proxecto financiado tamén polo programa Poctep que tivo entre as súas liñas centrais de traballo o deseño de metodoloxías para a identificación das zonas estratéxicas de xestión.
A actividade continuou cunha saída de campo á zona de Figueirido, Cotorredondo e lago Castiñeiras, dirixida a presentar os traballos que os investigadores da EE Forestal desenvolven na área piloto sur da provincia de Pontevedra.

Comments are closed.