O proxecto FORESTECH analiza novas tecnoloxías para previr incendios e recuperar zonas queimadas
As solucións TIC testadas no marco do proxecto FORESTECH abren posibilidades para comunidades de montes e propietarios forestais eficaces e asumibles
A Asociación Sectorial Forestal Galega ASEFOGA conclúe que realizar un control dos terreos forestais e contar en tempo real con información de distintos parámetros de utilidade á hora de implementar un plan de acción contra o lume máis eficaz non só é posible: é unha opción sinxela e asequible para comunidades de montes e propietarios forestais. Esta conclusión foi extraída de FORESTECH; un proxecto desenvolto en colaboración con ENCE no marco do seu Programa de Responsabilidade Social Corporativa e, máis concretamente, do Plan Social ENCE Pontevedra.
As distintas probas realizadas sobre o terreo dende o pasado verán no marco de FORESTECH teñen permitido corroborar a viabilidade e a utilidade das solucións TIC para unha mellor xestión forestal. Tal e como teñen confirmado as experiencias realizadas sobre distintas parcelas de frondosas, piñeirais, eucaliptais e matogueiras, as novas tecnoloxías son unha opción máis que interesante á hora de garantir unha intervención rápida e efectiva en caso de incendio. Pero tamén para controlar a evolución de distintos parámetros de interese á hora de implementar accións de recuperación de terreos queimados e monitorizar a evolución das parcelas forestais.
ASEFOGA anima a propietarios forestais e comunidades de montes a sumarse á revolución tecnolóxica e facer uso dunhas ferramentas tras comprobar a eficacia e a viabilidade das solucións TIC nos montes galegos, tras comprobar a eficacia e a viabilidade das solucións TIC nos montes galegos. Por un custo modesto, permitiranlles ter un mellor control das súas fincas e optimizar a súa xestión. Unha opción que sen dúbida tamén deben ter en conta as administracións á hora de mellorar os plans de prevención de incendios, optimizar tempos e intervir coa máxima axilidade e eficacia en caso de lume.
O proxecto tamén incluíu acción de asesoramento a propietarios forestais, comunidades de montes e outros actores do sector encamiñadas á implantación das novas tecnoloxías
A prevención de incendios forestais é vital para atallar un problema recorrente en Galicia. O cambio dos patróns climáticos e o abandono de zonas rurais constitúe un dos principais acelerantes dos incendios forestais, ocasionando graves consecuencias ambientais, económicas e sociais. Así, nos últimos anos tense rexistrado un aumento da superficie forestal afectada por incendios.
Desenvolveu dous manuais: un sobre Solucións TIC para a Prevención e Mitigación de Incendios e outro sobre Novos modelos de recuperación de terreos queimados, ademais doutros materiais que a asociación agarda sirvan de guía e contribúan a estender o emprego das novas tecnoloxías nos montes galegos. O proxecto tamén incluíu acción de asesoramento a propietarios forestais, comunidades de montes e outros actores do sector encamiñadas á implantación das novas tecnoloxías.
ASEFOGA pon o punto final a FORESTECH satisfeita polos resultados acadados no marco dun proxecto que ten permitido achegar información e formar a un elevado número de propietarios e profesionais forestais aumentado os seus coñecementos e competencias. A organización agarda que a experiencia permita estender o emprego dunhas solucións novidosas que abren novas vías para permitir unha mellor protección e resiliencia das áreas forestais galegas e optimizar a súa restauración en caso de incendio.