Os ourizos das castañas revélanse como potencial fonte de conservantes naturais
Unha investigación da Universidade de Vigo comproba a viabilidade dunha biorrefinería que operase cos restos da produción da castaña e coa biomasa procedente de podas
Os soutos galegos producen cada ano arredor de 20.000 toneladas de castaña, ben valorada no mercado, pero moita máis biomasa de ourizos e restos de poda dos soutos queda no monte ou quéimase, sen maior utilidade nin valor. Unha investigación da Universidade de Vigo comprobou a viabilidade dunha biorrefinería que se adicase a extraer compostos de alto valor dos ourizos e dos restos de poda, como por exemplo conservantes naturais con acción bactericida.
Falamos co investigador da UVigo José Manuel Domínguez, que realizou un proxecto sobre como alongar a vida das castañas e os seus residuos, que logo foi completado por un alumno seu, Iván Costa, quen realizou unha tese doutoral baixo o título “Aplicación da economía circular nos procesos de produción da castaña”.
A investigación contou coa colaboración da empresa lucense Alibós e tiña por finalidade “aproveitar os residuos que se xeran no proceso da castaña, que van dende as podas dos castiñeiros ata os ourizos, e que poidan ser unha fonte de riqueza”, explica José Manuel. Logo, no traballo de Iván avaliáronse diferentes pretratamentos co obxectivo final de xerar medios de cultivo cos azucres liberados do ourizo de castaña, de cara a producir biomoléculas estudando diferentes cepas microbianas.
É importante ter conservantes naturais que lle prolonguen a vida útil da castaña
O procesado dos restos da castaña faríase nunha biorrefinería, é dicir, é un tratamento semellante ás etapas involucradas no proceso de refinado do petróleo, pero empregando restos de poda e ourizos, dos que se poden extraer, entre outros compoñentes, carbohidratos. A partir dos carbohidratos, pódense producir, por exemplo, biomoléculas de acción bactericida, como son as bacteriocinas (proteínas secretadas por microorganismos con actividade bactericida). Estas bacteriocinas teñen actividade antimicrobiana contra patóxenos como a ‘Listeria monocytogenes’, responsable de importantes contaminacións alimentarias.
É un descubrimento que podería posibilitar un aproveitamento circular dos conservantes naturais obtidos, que poderían utilizarse na conservación da castaña, para prolongar a súa vida útil. “Agora mesmo empréganse uns sulfatos que non son recomendables, pero é preciso ter algún conservante para que a castaña teña máis vida útil. Por iso, se obtemos conservantes naturais, poderáselle dar un valor engadido importante”, sinala o investigador.
Unha biorrefinería para altas producións
Os investigadores comprobaron como un material renovable como o ourizo da castaña pódese utilizar en aplicacións biotecnolóxicas, con técnicas de biorrefinería. O proceso da biorrefinería é complexo e precisa de maquinaria moi custosa, por iso o investigador aclara que isto só sería posible para altas producións. “Isto é posible para unha empresa de biotecnoloxía que se encargue de procesar diferentes residuos e inclusive de diferentes orixes”.
“Estes procesos son altamente custosos, aí está a clave de que se empreguen aditivos químicos a día de hoxe, e se descarten os naturais. Porén, a través da biorrefinería o que buscamos é aproveitar todas as fraccións na produción de castaña e obter unha rendibilidade do proceso, que non será tan boa, pero si máis natural”, comenta o investigador.
Iván expón que en Galicia e en España a explotación de castaña está arraigada a ambientes locais, con empresas pequenas ou medianas. “Hai poucas que se dediquen de maneira intensiva a esta produción, por iso un proceso de biorrefinería sería practicamente inviable”.
De establecerse unha biorrefinería, “debería terse en conta que o norte de Portugal e o Bierzo, que son tamén grandes produtores de castaña. Polo tanto unha biorefinería localizada a medio camiño entre todas podería ser unha solución para tratar de maneira conxunta estes residuos”, apunta Iván.
En Galicia, cómpre lembrar que a Xunta presentou un proxecto dunha biorrefinería piloto ós fondos Next Generation, se ben polo de agora nada máis se soubo do proxecto. Outra posibilidade de biorrefinería galega pasa por que algunha industria asentada na comunidade aposte por esta vía, caso de Ence, Altri ou outras, ben para traballar con biomasa residual dunha especie forestal ou con múltiples.