“Previr os incendios é apostar por todo aquilo que retire biomasa do monte e que achegue rendibilidade”

O catedrático Manuel Marey describe cales son as principais causas que provocan os lumes na actualidade e como inflúe a xestión do terreo e as variedades arbóreas na propagación dos mesmos

Imaxe de arquivo do incendio de Trabada

Recentemente, un estudo do grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROEPLA) do Campus Terra da USC analizou a evolución, entre os anos 2007 e 2015, da distancia entre os puntos de orixe dos incendios e as edificacións, tanto en España como en California. Un dos autores da investigación é Manuel Marey, catedrático da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, quen detalla que o estudo abarca a análise de máis de 100.000 lumes, para o que se dividiu a superficie en cuadrículas hexagonais con 7.700 km2.

A primeira conclusión é que nun 10 % da superficie no caso de España e nun 4 % en California, os lumes amosan unha tendencia significativa a comezar máis preto das zonas urbanizadas. Unha segunda conclusión é que en non hai celdas da malla analizada, tanto para España como para California, onde os lumes se alonxen de xeito significativo das edificacións, independentemente de se os lumes se consideran en conxunto ou desagregados por causas. Isto é, para o período estudado, en ningures se pode aseverar con rigor estatístico que os lumes tendan a xurdir cada vez máis lonxe das edificacións, pero o contrario si que é certo en determinadas zonas.

Neste estudo destaca que de todos os lumes analizados no período de nove anos, a rexión que máis incidencia tivo foi Galicia, “con diferencia”; é dicir, foi o territorio onde máis incendios se rexistraron nese intervalo de tempo. Aínda así, en Galicia non observaron ningún achegamento nin alonxamento significativo. Nalgunhas zonas houbo algúns comportamentos que variaban, pero non foron relevantes. “No caso galego non hai diferenzas, como ocorre noutras rexións de España, caso do norte de Estremadura, Salamanca, Murcia ou en certa zonas de Aragón ou a Rioxa, onde si que hai uns achegamentos significativos”.

A tendencia é que se reduza o número de incendios provocados, principalmente porque o sistema de vixilancia está aumentando a súa eficiencia e porque as causas estruturais de moitos lumes mudaron

Causas humanas nos incendios

No caso español, para levar a cabo o estudo traballaron coa información dispoñible na Estatística Xeral de Lumes Forestais (EGIF), do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que recolle datos procedentes dos partes de lumes forestais dende 1968 ata 2015. Porén, en California existen diversas fontes de información, polo que se optou por empregar unha base de datos do Departamento de Agricultura (USDA), do período 1992 – 2015. Complementando ambas fontes de información empregouse unha base de datos de construcións humanas, procedente da Comisión Europea, con cobertura mundial e datos cada 38 m2. “Houbo unha labor de homoxeneización da información moi importante; esa labor escura, pero que nos achega rigor”, puntualiza.

Un dos parámetros que se tiveron en conta foi a causalidade. Aínda que hai múltiples causas, decidiuse agrupalas en tres grandes tipos por comparar California e España. O primeiro grupo constituírono os lumes de orixe humana. Aí recolléronse os provocados, pero tamén os que son froito de neglixencias ou de accidentes, moi comúns en California. Outro grupo estaría formado polos lumes provocados por causas naturais, basicamente tormentas secas ou raios. O último grupo, que non é menor en datos, foron os de causa descoñecida.

En España teñen especial relevancia os lumes de orixe humana, que alcanzan un 86 % do total dos lumes. “Nos últimos anos o número de lumes con esta causa tense reducido substancialmente”, subliña Manuel Marey e indica que aínda en maior medida no caso de Galicia.

Dentro deste grupo destacan os provocados, que presentan unha tendencia decrecente principalmente debido ao incremento da vixilancia e á persecución dos mesmos. Un segundo tipo son ás neglixencias, que moitas veces son producidos por queimas, con ou sen autorización, polo que Manuel Marey considera que “é necesario manter o control sobre este tipo de prácticas”. Incide en que non se pode considerar do mesmo xeito un incendio intencionado que o orixinado por unha neglixencia ou un accidente, aínda que as consecuencias poidan ser similares. Mentres que nos primeiros a vixilancia e a sanción penal son a solución, nos segundos é preciso adoptar medidas de formación, vixilancia e sancións administrativas.

Tradicionalmente os incendios eran instrumento de xestión territorial ou un síntoma dun conflito

Perda de actividade e as súas consecuencias

Durante moitos anos dous factores explicaron o comportamento do lume, segundo indica o catedrático. Primeiro, “nas zonas onde aparecían reiteradamente, consideráronse lumes estruturais que respondían a dúas causas”. Indica que principalmente o lume era un instrumento de xestión do territorio. É dicir, as persoas prendían lume para conseguir pasto. Xestionaban así a gandeiría e en certos casos a agricultura, xa que o lume era unha técnica de manexo necesaria. Actualmente segue a ser un instrumento de xestión territorial en moitas zonas do mundo, posto que é unha das mellores, ou única alternativa, para rexenerar os pastos. Dicir que cando aquí se utilizou con este obxectivo gandeiro “chocou coa interpretación negativa que de todo tipo de lume facían os xestores forestais de épocas pasadas”, apunta.

Segundo, en certas zonas o lume era o expoñente ou síntoma dun conflito pola propiedade ou a xestión da terra; pola caza ou por diferentes tipos de disputas: “Era a forma de aplicar a xustiza, ou máis ben cabería dicir, a vinganza”.

Para facer unha boa xestión forestal hai que apostar por todo aquilo que retire biomasa e que achegue rendibilidade

“Hoxe xa non hai a presión gandeira e agraria que xustifique o lume como instrumento de xestión e naqueles territorios onde o gando sigue pastando existen alternativas á utilización descontrolada do lume” A perda de actividade gandeira marcou un cambio nas series históricas de incendios.

Xestión da biomasa

Segundo explica Marey, en moitas zonas de Galicia hai un exceso de acumulación de biomasa, “sobre todo, dunha biomasa que non responde a un obxectivo”. O profesional fai unha diferenciación entre a biomasa con destino á produción forestal, nas que os propietarios terán interese por xestionar as súas parcelas e mantelas de forma que sexan resilientes os lumes e, por outra banda, aquelas outras parcelas que son consecuencia do abandono e da ausencia de actividade.

“Xestionar o territorio no seu conxunto implica que temos que apostar por todo aquilo que retire biomasa do territorio e o destine a un uso que teña valor de mercado”, indica, e sinala como proposta máis interesante en xeral para Galicia o incremento do número de herbívoros que “fagan unha dobre función: comer e medrar”.

En canto ás franxas de biomasa, que teñen unhas regulacións legais, relata que son mecanismos que poden ser positivos, mais non resolven o problema dos lumes. “Habería que cuestionarse como se deben regular e como hai que levalas a cabo, entre outros factores. Eu son partidario de traballar a escala proxecto, este implica establecer unha proposta acaída para cada núcleo, aldea ou parroquia, considerando aspectos como a orografía, a infraestrutura viaria, etc.”

En Galicia, as zonas onde tradicionalmente máis ardeu, non había eucalipto

Especies boas e malas

Para o profesional non hai especies boas ou malas con respecto ao lume, “ao meu modo de ver é un debate erróneo”. Lembra que no Caurel ardeu e tamén o fixo Trabada, e en cada zona había especies diferentes. “Cando se dan determinadas condicións pode arder unha superficie de frondosas e tamén unha de eucaliptos. Entendo que este debate pode ser interesante ou interesado pero non é un debate forestal e obvia aspectos que determinan máis o comportamento do lume, como a presencia e tipo de matogueira que forma o sotobosque, ou a distribución horizontal e vertical da biomasa”.

Imaxe de arquivo do incendio do Courel

Os datos que manexa Manuel Marey indican que en Galicia nas zonas onde tradicionalmente máis ardeu non había eucaliptos; polo contrario, nas superficies forestais arboradas presentes nos lugares menos afectados polos lumes a especie maioritaria era o eucalipto.

“O que precisamos, como antes indicaba, é retirar biomasa principalmente mediante o gando. Ademais, é necesario que esta actividade gandeira en certas zonas se desenvolva de xeito planificado para romper a continuidade das masas forestais ou das superficies de matogueira”.

Lei de prevención de incendios

A probabilidade de incendios en Galicia reduciuse de xeito considerable nos últimos anos. “Cando se puxo en marcha o Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios, nos anos 90, a sociedade rural e o territorio eran moi distintos aos de hoxe. Daquelas producíanse moitos incendios pequenos que maioritariamente se repetían en determinadas zonas, respondendo ás causas antes comentadas”, describe.

A lexislación e os instrumentos de planificación derivados teñen que comezar a discernir cal é o impacto do incendio sobre o territorio para telo definido con carácter previo

Actualmente, entre outros factores a ter en conta, o clima supón unha apertura de novas ventás de oportunidade para o inicio e a propagación de incendios. Cando aparecen humidades relativas baixas durante varios días – e especialmente polas noites – o material vexetal incrementa a disposición para arder e ábrense oportunidades para os incendios “Isto é un factor determinante na probabilidade de ter grandes lumes e ter serias dificultades de extinción”.

Para Manuel Marey, o lume non debe medirse soamente con métricas como son o número de lumes ou as hectáreas afectadas, senón que débense incorporar na súa avaliación unidades sociais, ambientais e económicas, como poden ser persoas afectadas ou en que medida son afectadas ou o valor do habitat, xa sexa medido en euros ou en termos ecolóxicos, e por suposto as perdas de bens afectados. “Existe a necesidade de establecer con carácter previo un valor territorializado do impacto do lume en caso de producirse. Deste xeito, os servizos de extinción poderían priorizar as súas actuacións seguindo criterios obxetivos preestablecidos.”

Segundo a súa opinión, a lexislación e os instrumentos de planificación derivados teñen que comezar a discernir cal é o impacto do incendio sobre o territorio para telo definido con carácter previo. “A efectos de organización e planificación na loita contra os incendios creo que iso vai ser clave no futuro”.

Considera que o Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios de Galicia ten demostrado ser moi eficiente en aspectos clave como a detección, o tempo de resposta ou a primeira actuación e que no futuro terá que seguir “nesa liña de eficacia e versatilidade”, e que contar con instrumentos de axuda permitiralles tomar decisións máis rápido.

Materiais de construción

En canto á lexislación urbanística, Marey pon de exemplo o acontecido recentemente nos Ánxeles, un feito que enmarca na situación e casuísticas da zona. “Non porque alí o lume arrasase con 11.000 vivendas, se agora, por exemplo, comezase un lume en Coristanco tiña que acontecer o mesmo; as casuísticas (ventos, seca…) e as características da zona (interface urbano – forestal, tipos de asentamentos…) son moi diferentes”.

Así é que non quere entrar en alarmismos e destaca que en Estados Unidos constrúen maioritariamente con madeira. Unha tradición que non cambian polo feito de que os furacáns lles leven as casas ou os incendios lles poidan arrasar con elas: “Asumen os riscos”.

Comments are closed.