RESFO aposta pola calidade e competitividade da industria resineira galega

O Grupo Operativo RESFO impulsa unha nova estratexia para o sector resineiro en Galicia, combinando innovación tecnolóxica e estratexias de márketing para o desenvolvemento sostible

Imaxe de arquivo.

O Grupo Operativo RESFO, liderado por Foresin, lanza un proxecto orientado a modernizar e fortalecer a industria resineira galega. Co obxectivo de mellorar a calidade e a competitividade da resina natural, “este proxecto pretende optimizar o proceso industrial de destilación da resina en envase pechado e caracterizar os parámetros de calidade” que ofrecerán un valor diferencial no mercado, como indica Erika Martínez Carreira, directora xeral de Foresin.

Entre os socios de RESFO, ademais de Foresin, atópanse a Universidade de Vigo, a través do Grupo de Análise Empresarial (GRUPAEM); a empresa Xagoaza Pinaster, industria transformadora de resinas naturais; GLECEX, adicada á biotecnoloxía de extractos naturais; e FUNDACIÓN CETEMAS, centro tecnolóxico e forestal asturiano.

O obxectivo é optimizar o proceso de destilación de resina en envase pechado, caracterizar os parámetros de calidade e deseñar estratexias de márketing para posicionar a resina natural e impulsar un sector competitivo en Galicia.

O proxecto busca impulsar a implementación desta metodoloxía nos piñeirais galegos, así como desenvolver estratexias que destaquen as propiedades únicas e o valor agregado da resina natural. Con RESFO preténdese crear produtos e aplicacións innovadoras que permitan substituír os derivados do petróleo en diversos sectores industriais.

Financiado pola convocatoria de Axudas para a Execución de Proxectos Innovadores dos Grupos Operativos da Asociación Europea de Innovación, e cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), RESFO conta cun financiamento total de 138.469,85 €, cofinanciado ao 80% por fondos da UE.

O proxecto desenvolverase ata novembro de 2026, converténdose, segundo Martínez Carreira, nunha “oportunidade única para impulsar a industria resineira galega destacando as súas vantaxes competitivas e contribuíndo ao desenvolvemento sostible dos montes de Galicia”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *