Un estudo da Universidade de Vigo analiza o impacto das plantacións de eucalipto nas poboacións de animais invertebrados

Un estudo da Universidade de Vigo avalía o impacto das plantacións de eucalipto nos animais invertebrados e os resultados obtidos son fundamentais para lograr unha xestión máis sostible

Presentan novas evidencias sobre os efectos das plantacións de eucalipto no solo e, máis concretamente, nas comunidades de invertebrados, unha cuestión apenas analizada ata o de agora, pero que resulta fundamental para o correcto funcionamento dos ecosistemas. Este proxecto foi liderado pola investigadora de posdoutoramento do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, Raquel Juan Ovejero.

A través dunha meta-análise global que reuniu 26 estudos, o traballo comparou as plantacións de eucalipto con outros tipos de uso do solo, como bosques nativos e resto de plantacións forestais, pastos, sistemas agroforestais e matas invasoras de acacias. “Os resultados indicaron que a densidade de invertebrados nas plantacións de eucalipto é menor que na maioría das outras plantacións forestais, pero máis alta ca nos pastos e no resto de sistemas agroforestais”, indica a autora.

En canto á diversidade, Raquel Juan describe que foi máis baixa nas plantacións de eucalipto en comparación coas nativas, pero superior á observada noutras plantacións. A maiores, o estudo tamén revelou que os efectos das plantacións de eucalipto varían segundo o tipo de plantación forestal co que son comparados e segundo factores climáticos como a temperatura media anual ou as precipitacións.

Ao coñecer estes resultados as persoas que se dedican á xestión forestal poden adoptar prácticas que minimicen os efectos negativos nos invertebrados

Á vista destes resultados, a responsable da investigación considera “crucial” a integración desta información en futuros estudos sobre as propiedades físico-químicas do solo, a idade das árbores, os métodos de mostraxe e as prácticas de xestión forestal, para mellorar a comprensión dos efectos das plantacións de eucalipto sobre os invertebrados, o solo e a biodiversidade en xeral. “Son datos fundamentais para tomar decisións ben fundamentadas sobre o establecemento e xestión sostible destas plantacións, co obxectivo de reducir os impactos negativos e mellorar a saúde do solo”, recalca a investigadora.

Nesta liña, a especialista explica que “ao comprender mellor os impactos destas plantacións nestes organismos as persoas que se dedican á xestión forestal poden adoptar prácticas que minimicen os efectos negativos nos invertebrados e, consecuentemente, promover a saúde do solo e o mantemento das funcións ecolóxicas”.

Agárdase que os resultados da investigación “poidan axudar de maneira notable ás persoas que se dedican á xestión forestal, ao desenvolvemento de estratexias de xestión máis equilibradas, que procuren reducir os impactos ambientais das plantacións de eucaliptos e garantir a sostibilidade dos ecosistemas a longo prazo”, salienta a investigadora principal.

Con coautores das universidades de Coimbra, en Portugal, e Estadual de Santa Catarina no Brasil, os resultados da investigación acaban de publicarse na revista científica Land Degradation & Development.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *