Xornada sobre a Plataforma Temática Interdisciplinar AGROFOR en Pontevedra
A Misión Biolóxica de Galicia organiza esta xornada centrada en explicar esta ferramenta de colaboración para a innovación no sector forestal
A Misión Biolóxica de Galicia, entidade coordinadora da Plataforma Temática Interdisciplinar AGROFOR, celebra mañá na súa sede en Pontevedra a xornada “PTI AGROFOR: unha ferramenta de colaboración para a innovación do sector agroforestal”. A sesión será de 11:30 a 14:00 horas e é de entrada libre con previa inscrición.
O Consello Superior de Investigacións Científicas (CISC) puxo en marcha en 2018 as PTI como instrumento finalista de investigación e innovación para abordar retos multidisciplinares de alto impacto científico, económico e social. As PTI están integradas por grupos de investigación de distintos centros do CSIC e abertas á participación de empresas, administración, outras institucións e axentes sociais. AGROFOR, pola súa banda, aúna grupos de investigación do CSIC (especializados nas áreas agraria, agroalimentaria e forestal) e outras entidades universitarias ou centros de investigación autonómicos con empresas que desenvolven a súa actividade nos devanditos sectores.
Programa da xornada
Tras a benvida a cargo do director da MBG, Rafael Zas Arregui, a xornada divídese en diferentes bloques:
“Estratexias de colaboración entre entidades de investigación e empresas”, por Elena Cartea González, vicepresidenta adxunta de Áreas Científico-Técnicas do CSIC.
“Presentación da PTI AGROFOR e un caso de éxito: o Grupo Operativo FITONET”, a cargo de Rosa Ana Malvar (MBG) e Luís Guasch (INIA).
“Oportunidades de financiamento para a colaboración público-privada”, con José María Tobío do Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra-Morrazo (GDR); Elena Polo, da Axencia Galega de Innovación (Xunta) e Pablo Lúgarode a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Xunta).
Presentación de empresas do sector en formato flash-talks: Sementares, O Calabacín Vermello, Dacunha, TRAGSA, Impex Europa e Spartana Control Service.
A mesa redonda “do banco ao campo”: comercializar variedades melloradas, coas intervencións de Alba Martínez (Delegación do CSIC en Galicia); Bibiana Rodríguez (Oficina Española de Variedades Vexetais), Fernando Almeida (Sementares) e Ángeles Sotelo (Xunta).