“A fariña de larvas de insectos é moi beneficiosa para a alimentación animal”


Visitamos Galinsect, unha granxa de insectos situada na parroquia de Cristiñade, no Concello de Ponteareas, onde falamos co seu CEO e socio fundador Rubén Recamán Guisande, que nos conta máis sobre este tipo de granxas e o innovador enfoque desta empresa.

Como foi o proceso de por en marcha unha granxa de insectos en Galicia?
A lexislación descoñecía completamente esta actividade… Non nos puxeron moitas trabas pero si que nos pedían moita información. A cara boa foi que puidemos participar nunha aceleradora, a Business Factory Food, que axudou na posta en marcha deste proxecto.

Que productos comercializades e que aplicacións teñen?
Inicialmente os productos que comercializabamos era o insecto vivo, a larva ou verme, e tamén o esterco que xera este insecto que funciona como un abono, como un fertilizante orgánico. Co proxecto BIOPROINSECT, en colaboración co departamento de biotecnia da universidade de Vigo, xa conseguimos desenrolar outro tipo de productos de maior valor engadido que esperamos poder comercializar próximamente. Son hidronizados de proteína, ácidos graxos, quitina e tamén encimas proteasas.

De onde procede a materia prima coa que alimentades aos insectos?
O proxecto desde o comezo ten a vertente de economía circular, sempre tratamos de empregar o maior número de subproductos e residuos procedentes da industria agroalimentaria para alimentar aos nosos insectos. É moi dificil poder estandarizar o proceso de produción únicamente con subproductos, así que temos que recurrer a outro tipo de productos como cereais, salvado de millo, avea… E logo tamén todo tipo de productos vexetais como froitas, hortalizas…

O problema que ten o insecto a día de hoxe é que é moi mal conversor de alimento

Cales son os custos de alimentación aproximados?
O problema que ten o insecto a día de hoxe é que é moi mal conversor de alimento, precisamos entre 4 e 8 kg de alimento para obter 1kg de insecto. É verdade que temos mellorado moito o tema da conversión e dieta do insecto acadando rangos moito máis baixos. Pero normalmente os custos estimados de alimentación do insecto poden ir de un euro e medio ata dous euros e medio por quilo de insecto.

Que requisitos deben reunir as instalacións?
Unhas condicións ambientais moi estables durante todo o ano, unha temperatura e humidade moi concreta, nuns rangos moi determinados. Entón, o que precisamos é acondicionar as instalacións para manter estes rangos. Temos equipos de aire acondicionado e calefacción que permiten ter as temperaturas estables, e logo os humidificadores e deshumificadores para controlar a humidade, e sobre todo, a cámara de cría, que realmente é unha cámara de frío, ten que ser case hermética para ser o máis eficiente posible enerxéticamente. Ao final é un tipo de gandaría como outro calquera, e a día de hoxe os requisitos son practicamente os mesmos. Temos o REGA, o rexistro gandeiro galego, e aplícannos a mesma lexislación.

Tedes problemas coa lexislación á hora de comercializar o voso producto?
Nós somos productores de alimento animal, polo que os requisitos son elevados pero non tanto como para alimentación humana. Recentemente a Unión Europea aprobou o uso deste tipo de insectos para o consumo humano, pero agora mesmo as lexislacións nacionais ainda se están adaptando. En España ainda non podemos comercializalo para o consumo humano pero si para o consumo animal.

En España ainda non podemos comercializalo para o consumo humano pero si para o consumo animal.

Que ventaxas presentan o esterco e os vermes?
O esterco que xera o insecto presenta varias ventaxas. Primeiramente a súa caracterización, os niveis de NPK -nitróxeno, fósforo e potasio- son moi balanceados, 3-3-3, polo que vai ben para calquera tipo de cultivo, e un dos compoñentes que ten é a quitina, que é un fitofortalecedor das plantas, e funciona como funxicida, para evitar pragas, é un producto moi interesante e aprezado. Ademais, é un producto totalmente orgánico, estamos agora traballando en obter o certificado ecolóxico, e presenta moitos beneficios e ventaxas respecto outros abonos.

En canto á larva do insecto, a principal ventaxa que mostra é o seu elevado contido en proteinas, en torno ao 53% de proteinas de alto valor biolóxico. Ademais tamén presenta en torno un 25% de grasas que son ácidos grasos mono e polisaturados, ácido oleico e linoleico, omega 6 e omega 3, que tamén son moi beneficiosos para o sistema dixestivo e o organismo de case calquera especie animal. Logo tamén ten esa pequena compoñente de quitina, que en pequenas doses, funciona moi ben para mellorar o sistema inmunitario de un montón de especies animais.

Por que establecestes esta granxa en Ponteareas?
Dedicimos facelo aquí porque somos 5 socios, e a familia dun deles tiña aquí duas granxas valeiras desde hai anos, así que a nosa idea era poder aproveitar estas instalacións. Ademais, consideramos o rural galego óptimo para esta granxa.

Por que apostastes o tenebrio molitor, coñecido como o verme da fariña?
Sobre todo polo seu contido nutricional, alto en proteinas e graxas de alto valor biolóxico e pola escalabilidade que ofrece na súa produción a nivel industrial.

“Queremos apostar máis pola transformación do insecto, o seu biorrefinado”

Que volume de produción manexades e a que mercados vos dirixides?
Agora mesmo non estamos comercializando pois queremos darlle unha volta ao modelo de negocio. Non queremos adicarnos tanto á produción do insecto como á transformación do insecto, o seu biorrefinado. Hai un ano estabamos traballando con volumes de produción en torno a media tonelada de insecto e unha tonelada e media de abono cada mes.

¿Cales son os prezos de mercado?
Para o verme, o insecto vivo, anda entre 8 e 35 euros o quilogramo, dependendo do volume e do tipo de cliente ao que te dirixas.

Como é o proceso de produción?
O preceso de produción divídese nas catro fases que ten este insecto. É un coleoptero, un escarabello, entón pasa por distintas fases. A primeira é a de ovo. A segunda é a de verme ou larva. A terceira a de crisálida ou pupa, e a cuarta a de escarabello, que sería o imago do insecto. O noso traballo consiste en clasificar o insecto nas súas catro fases, ir separándoo.

Que procesos están dixitalizados ou mecanizados?
Agora mesmo ningún, está todo feito a man. Temos unha máquina para o tamizado do insecto pero está en proceso de proba. Pero si, no futuro o noso obxectivo é, pouco a pouco, ir dixitalizando e mecanizando todo o preceso de produción.

Que residuos xerades coa actividade e que facedes con eles?
O único residuo que xerabamos era o escarabello, pois unha vez que fai a súa labor de reprodución e deixa de ser fértil, para nós non tiña ningún tipo de valor pois é un producto que non se comercializa. O que conseguimos agora co proxecto BIOPROINSECT, foi precisamente valorizar este tipo de producto e, a partir da fariña do escarabello, poder extraer distintos productos de alto valor engadido como comentei antes. Entón agora mesmo non xeramos practicamente ningun tipo de residuo ou subproducto.

Que perspectivas de futuro tedes?
Pois a curto prazo, no mes de xaneiro, estaremos nunha primeira ronda de financiación co obxectivo de ter a financiación suficiente para desenrolar a nosa bio refinería de insectos a modo de piloto pre industrial. Queremos validar a escalabilidade e produción industrial desta biotecnoloxía que desenrolamos no proxecto BIOPROINSECT.

Comments are closed.