Bota a andar o proxecto Lazteo para mellorar a innovación e sustentabilidade do sector lácteo galego

Un proxecto que combina tecnoloxía avanzada e prácticas sostibles para reducir o impacto ambiental e posicionar Galicia como líder en innovación agro-gandeira

O proxecto “LAZTEO: Regreso ao futuro do sector lácteo – innovación en territorio” nace co fin de promover a innovación tecnolóxica na industria láctea galega para axudar a combater o impacto ambiental e mellorar o beneficio das súas operacións.

A iniciativa busca desenvolver unha estratexia innovadora desde o sector primario galego para mitigar o cambio climático, mellorando o impacto ambiental da industria láctea mediante solucións tecnolóxicas.

O plan de desenvolvemento do proxecto será entre 2024 e 2027 e conta cun orzamento de máis de 3 millóns de euros. Liderado pola Cooperativa Agraria Provincial de A Coruña SCG (Bico de Xeado), nel participan Porto-Muiños S.L., Innogando S.L., Elmega S.L., Alternative Fats and Proteins of Galicia S.L.U. (Alfaprogal) e Cartogalicia S.L.

O proxecto, que tamén conta coa colaboración de Medrar Smart Solutions, AGACA, CIAM, CLUSAGA, USC, Biome Markers, entre outros, enmárcase na convocatoria “Misións de Especialización Intelixente de Galicia”, con financiación da Axencia Galega de Innovación e do Instituto Galego de Promoción Económica.

Prácticas agro-gandeiras sostibles

Un dos obxectivos de LAZTEO é desenvolver prácticas agro-gandeiras sostibles empregando materias primas para producir aditivos antimetanoxénicos e axudar a reducir as emisións de metano.

Co fin de loitar contra o impacto ambiental, investigarán fontes de proteína diferentes para substituír a soia. Ademais, impulsarán a aplicación de técnicas de agricultura rexenerativa adaptadas aos solos galegos para mellorar a súa biodiversidade así como diminuír o N₂O.

Innovación e dixitalización do campo

O proxecto LAZTEO implementará tecnoloxías avanzadas de smart farming, como drons, sensores intelixentes (IoT) e monitorización con metanoxenómica, para optimizar as actividades agro-gandeiras e reducir a pegada ambiental.

A información obtida será procesada con IA, Cloud Computing e Machine Learning para crear xemelos dixitais e ferramentas integradas de indicadores de cambio climático. Tamén usarán colares intelixentes para valados virtuais que optimicen o abonado natural.

Este proxecto busca mitigar o impacto ambiental do sector lácteo galego, ademais de situar a Galicia como un referente en sustentabilidade e innovación no ámbito agro-gandeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *