Cantabria, un territorio con potencial para producir leite de pastoreo
Investigadores indican que Cantabria dispón de características específicas que favorecen a adopción dos sistemas de alimentación en pastoreo e valoran o potencial para comercializar leite de pastoreo con certificación propia
‘
‘Uso potencial do chan de Cantabria para a produción de leite de pastoreo’, así é o título do artigo publicado polos investigadores Iban Vázquez González (Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago), Francisca Ruíz Escudero, Juan Busqué e Ana Villar (Centro de Investigación e Formación Agraria de Cantabria). Na publicación analizaron o potencial territorial de Cantabria para producir leite en base a pasto e determinaron que a rexión ten unhas características específicas para favorecer a alimentación en pastoreo, como pode ser o clima ou a topografía.
Os investigadores recalcan a importancia de diferenciar dous termos que poden levar a confusión: “leite de pastoreo” e “leite en base a pasto”. “O leite de pastoreo é aquel que se obtén de animais que saen ao pasto, a ausencia dunha normativa europea, ou norma UNE, dá lugar a variacións nos días ao ano que saen a pastar e as horas diarias”, explican.
“O segundo termo, que é o que nós empregamos no noso artigo, refírese a que a alimentación das vacas en lactación está baseada en pastos (herba fresca), ben consumidos directamente no campo baixo a actividade do pastoreo ou no pesebre (herba fresca segada e transportada), práctica aínda relevante en Cantabria. No noso estudo o contido mínimo de herba fresca (en materia seca total) que debe conter a dieta diaria das vacas en lactación para o leite obtido sexa considerada como leite en base a pasto estableceuse no 25 %”, explican.
Estudan 99 granxas cántabras
Esta investigación deriva dun proxecto de investigación financiado polo Instituto Nacional de Investigacións Agrarias e Agroalimentarias, no que participaban tres centros de investigación agraria da Cornixa Cantábrica (o CIAM en Galicia, o SERIDA en Asturias e o CIFA en Cantabria). O subproxecto que realizou o CIFA, coordinador do proxecto, tiña entre un dos seus obxectivos o de determinar o potencial territorial do sector para producir un leite en base a pasto, a partir da información obtida nas bases de datos oficiais (por exemplo o sistema integrado de axudas) e outras fontes directas (datos dos produtores).
Un 33 % das ganderías que formaron parte do proxecto produce leite a base de pasto e un 12 % máis poderían producila polas súas condicións
Para realizar a investigación tomaron datos produtivos e de manexo de 99 ganderías leiteiras de Cantabria, clasificadas segundo a porcentaxe da materia seca total que representa a herba fresca (FV) na dieta de primavera das vacas en lactación. Así, dividíronse en dous grupos: Sen pasto <25 % FV e con pasto: ≥25 % NFV.Estes dous grupos caracterizáronse concluíndo diferenzas substanciais entre ambos modelos. Así as ganderías FV teñen menor dimensión territorial, rabaño, carga gandeira, produción anual de leite e utilización de concentrado mentres que destinan máis horas ao pastoreo, contrariamente ás características das ganderías NFV. Desde o punto de vista territorial, estas ganderías FV teñen maior altitude, mellor xeometría das parcelas, peor calidade de chan e dedicación case exclusiva da superficie a pastos permanentes, sendo residual a porcentaxe dedicada a cultivos. Cantabria presenta unha das maiores produtividades forraxeiras europeas, debido ás súas características edafoclimática
Posteriormente realizouse unha análise de regresión lineal múltiple (modelo predictivo) para estimar a porcentaxe de herba fresca na dieta a partir de 41 variables territoriais (altitude, estrutura, métricas espaciais, calidade do chan etc.). O modelo predictivo adecúase nun 71 % á realidade e discrimina mellor as ganderías que non alimentan en base a pasto. Este modelo ten limitacións, ao atopar unha débil relación coas variables territoriais, o cal suxire que a estrutura territorial é importante na relación que garda co sistema de alimentación, pero insuficiente na medida que na decisión de producir leite en base a pasto interveñen outros factores de tipo social, cultural e/ou económicos. Das ganderías estudadas en Cantabria, un 33 % produce leite en base a pasto e habería un 12 % a maiores que poderían producir en base ás súas condicións territoriais.
Importancia dos pastos en Cantabria
Os investigadores centráronse en Cantabria porque o CIFA adquiriu entre os seus obxectivos o compromiso de determinar e transferir a outras rexións un modelo estatístico capaz de determinar o potencial territorial de produción de leite en base a pasto. Logo tamén entran outros factores como a elevada relevancia, tanto económica como territorial, que os pastos teñen nesta rexión.
Aínda que o pastoreo ten importancia en Cantabria, aínda non conta cunha industria láctea que comercialice o leite
Na Cornixa Cantábrica en xeral, e en Cantabria en particular, existen unhas características específicas que favorecen a adopción dos sistemas de alimentación en pastoreo, tales como un clima con abundantes precipitacións e temperaturas moderadas, ou unha topografía accidentada nalgunhas zonas que dificulta a mecanización e a recolección das forraxes, convertendo ao pastoreo nunha das poucas opcións de aproveitamento dos recursos forraxeiros. Os pastos herbáceos teñen unha destacada presenza en Cantabria, pois representan un 44 % da superficie agraria útil. Tamén a teñen os pastos comunais, presentes nun terzo do territorio, que adoitan ser aproveitados, principalmente, por gando bovino de carne en zonas de montaña.
Segundo indican os investigadores, Cantabria, ademais, presenta unha das maiores produtividades forraxeiras europeas, debido ás súas características edafoclimáticas, que pode ser fornecida na alimentación do gando, permitindo unha redución da dependencia en alimentos comprados. A todo iso, habería que sumar que Cantabria segue tendo un sector gandeiro dominado pola pequena e mediana produción, onde ten unha importancia onde seguen presentes os manexos extensivos ligados ao territorio.
Venda directa do leite de pastoreo
A pesar da maior relevancia do pastoreo en Cantabria, actualmente non hai ningunha industria láctea que comercialice leite de pastoreo, como é o caso de Larsa ou Celta en Galicia. Con todo, si que hai algúns produtores de leite que realizan a trasformación industrial do leite pasteurizada e a posterior venda directa, cuxa alimentación do gando estivo baseada en pastos. Así, se envasa leite e produtos lácteos de pasto en Voto (“La Bien Aparecida”), en Camargo (“La Cántara”), ou en Suesa (“Alimentos Fasano”); así mesmo, a cooperativa Agrocantabria, a máis importante da rexión, conta con máis de 70 gandeiros con pastoreo e realiza a fabricación de queixo en base a pasto.
Na actualidade non hai aínda ningunha marca de leite de pastoreo, nin selo de calidade para o leite de vaca alimentada con pasto. No seu momento, houbo intentos por crear un selo de calidade “Calidade controlada leite de pasto” por mor dos traballos levados a cabo dentro do Grupo operativo “Rede artesáns transformadores e vendedores de leite de pastos” e a partir do que se creou a rede “Eu son de pasto”. Os investigadores afirman que é probable que nun futuro se produza leite de pastoreo con certificación propia. De feito, indican que xa hai proxecto en cernes, aínda en fase de proba.
Cambio estrutural
O grupo de investigación lembra a tese doutoral de Elena García-Suarez (2021) na que se indica que as explotacións leiteiras alimentadas con pasto (GF) son de menor tamaño, teñen menos gando, menor densidade gandeira, menor produción anual de leite e implican un menor uso de concentrado, dedicando máis horas ao pastoreo, en contraste coas características das non alimentadas con pasto (NGF). Isto contrarresta co aumento do tamaño das explotacións. Ante esas conclusións, puntualizan que “o que vén a corroborar isto é que boa parte das explotacións que abandonaron a actividade agraria nos últimos anos son explotacións de menor dimensión produtiva, máis vinculadas cara a un modelo de produción de leite en base a pasto”.
A pesar diso, destacan que as pequenas explotacións teñen un papel fundamental na xestión do territorio en áreas menos favorecidas, como a fixación de poboación, a dinamización da economía local ou a provisión de diversos servizos ecosistémicos. Unha das vías para cambiar esta situación pasa por promover e apoiar estes modelos de produción ligados ao territorio e á xestión dos recursos naturais.
Os hábitos de consumo están a cambiar cara a produtos máis saudables e respectuosos co medio ambiente
Recalcan a importancia de fomentar o consumo de produtos locais e traballar nos centros educativos para explicar que Cantabria ten historicamente un gran potencial en produción de leite e carne “á beira das nosas casas”. Para manter o territorio, seguir tendo pobos e economías rurais vivas, “a cidadanía debe entender que necesitamos apoiar e consumir alimentos locais”.
Outras debilidades do sector son a súa especialización na produción de leite e a escasa diversificación; e outra das tarefas pendentes é a mellor vertebración e cooperación dentro do propio sector gandeiro e transformador que permita ás ganderías ter unha mellor posición na negociación dos prezos do leite.
Aínda que cabe puntualizar que nos últimos anos hai un maior interese cara a estes produtos porque, en primeiro lugar, “o consumidor ou consumidora está a cambiar os hábitos de consumo cara a produtos máis saudables, máis respectuosos co medio ambiente e co benestar animal”. Tamén hai maior información dos beneficios que este tipo de produtos lle reporta, tanto para a saúde como para a sociedade. Outra cuestión a engadir é o contexto de emerxencia climática e a consecuente necesidade de transitar tamén cara a modelos agrarios máis sustentables; “isto veu para quedar”.