Emprego de IA e biotecnoloxía para optimizar a actividade do sector avícola
O proxecto impulsado polo Clúster Alimentario busca mellorar a competitividade e a sustentabilidade no sector avícola a través da dixitalización avanzada
O proxecto DIG4.0VO ten por obxectivo mellorar a competitividade do sector da alimentación a través da dixitalización. A iniciativa está impulsada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e busca revolucionar o sector avícola de posta a través da Intelixencia Artificial (IA) e a biotecnoloxía. Lanzará unha batería de innovacións nos procesos produtivos chave, focalizándose en alimentación, benestar animal, calidade e optimización dos procesos operativos, sen que isto comprometa a eficiencia e rendibilidade das empresas.
As liñas de traballo son optimizar a alimentación para a mellora do benestar animal, reducir a incidencia de enfermidades e mellorar a dixestibilidade animal, a través da incorporación de novos postbióticos. Durante a investigación, desenvolveranse formulacións de penso baseadas na reutilización de subprodutos da industria alimentaria, que favorecerán a estimulación da posta de ovo, fortalecerán os sistemas inmune e dixestivo, e mellorarán a calidade do ovo en xeral.
Disporá dunha plataforma de colaboración que empregará IA para monitorizar todos os datos produtivos, a xestión de insumos e de enerxía. Deste xeito, xeraranse os mellores escenarios de produción baixo as premisas iniciais do proxecto: a optimización da calidade do produto e o incremento da eficiencia dos procesos para maximizar a rendibilidade da produción.
Máis proxectos en activo
DIG4.0VO recibe financiación da convocatoria 2023 de apoio a Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEI) do Ministerio de Industria, Comercio y Turismo (Mincotur). Baixo a coordinación de Clusaga, conta para a súa execución cun consorcio conformado pola empresa do sector avícola Campomayor, a empresa de alimentación animal funcional Pentabiol, a tecnolóxica ASM Soft, a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), e a consultora de innovación e sustentabilidade no sector alimentario Medrar Smart Solutions.
Ademais do mencionado, Clusaga está a coordinar a execución doutros tres proxectos beneficiarios da convocatoria de apoio a AEIs do Mincotur: VitIA 5.0, que busca mellorar a produtividade e sustentabilidade do sector vitivinícola mediante a aplicación de IA, IoT e biotecnoloxía; IA40WASTE, que pretende promover a eficiencia dos procesos produtivos da industria alimentaria minorando as mermas de produción na etapa industrial, e MEATwin, que permitirá mellorar a planificación e produción do sector cárnico mediante a recollida de datos, sensorización e visualización de indicadores.