Innovación e sustentabilidade no sector lácteo galego

Expertos analizan o impacto do proxecto SmartZ4Milk, retos e avances do sector nunha xornada celebrada en Santiago de Compostela

Mesa redonda de Smartz4Milk.

O 13 de febreiro celebrouse a xornada “O sector lácteo galego: innovación para un futuro sostible e competitivo” en Santiago de Compostela. A ela acudiron expertos do sector para debater sobre as tendencias actuais aplicadas a esta industria.

O CEO de Medrar Smart Solutions, César González, foi o encargado de moderar a mesa redonda “Cadea de Valor Láctea Intelixente, Trazable, Sostible e Conectada” onde analizou o impacto que ten o proxecto SmartZ4Milk no sector.

Este proxecto estratéxico, liderado pola Agrupación industrial Alimentaria de Galicia (Clusaga), impulsa unha produción láctea máis sostible e eficiente a través de tecnoloxías avanzadas e a cooperación entre empresas do sector e centros de investigación.

 

Avances tecnolóxicos para unha produción eficiente e transparente

O CEO de AMSLab, Manuel Lolo, destacou a calidade dos produtos lácteos galegos e os avances tecnolóxicos: “Desenvolvemos un método para diferenciar o leite A1 e A2, o que permite protexer tanto aos produtores como aos consumidores”, afirmou. Tamén resaltou o crecente interese na etiquetación e os pasaportes alimentarios.

Yago González, director de innovación en Plexus, sinalou que o sector lácteo enfronta o reto da dixitalización. Aínda que algunhas empresas avanzaron, “moitas pequenas empresas aínda operan de maneira tradicional”.

Tamén destacou a importancia de estruturar datos e dixitalizar documentos para mellorar rastrexabilidade e comunicación, mencionando tecnoloxías crave como blockchain, intelixencia artificial e ciberseguridade.

Finalmente, o director de operacións do Grupo Lence, Jesús García, engadiu: “Implementamos catro proxectos crave, incluíndo un sistema de rastrexabilidade que abarca desde a gandería ata a distribución ao consumidor”. Tamén destacou a eficiencia produtiva e a sustentabilidade na planta de produción e explotacións gandeiras.

 

Perspectivas e colaboración para o desenvolvemento do sector lácteo

No evento tamén se realizaron outros debates sobre solucións innovadoras ou novos modelos de sustentabilidade. A xornada terminou cunha sesión de networking, onde os asistentes puideron conectar con outros profesionais do sector, intercambiar ideas e identificar novas oportunidades de colaboración.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *